ABANCA incorpora blockchain ás súas oficinas para mellorar en sustentabilidade

xoves, 5 de xullo do 2018 Redacción

No camiño dunhas meirandes eficiencia e sustentabilidade, ABANCA vén de activar na súa rede de oficinas un proxecto de blockchain ou cadea de bloques, unha tecnoloxía que basicamente elimina os intermediarios e descentraliza a xestión das tarefas diarias, introducindo un extra de seguridade. Polo que respecta ao proxecto da entidade galega, chámase ABANCA Ithium e está baseado na asignación de valor virtual ou tokenización de activos enerxéticos.
Foi desenvolvido en colaboración coas empresas tecnolóxicas GodEnigma e Ecomt e iniciouse nunha oficina da Coruña (Praza de Lugo), en palabras da entidade financeira galega “un dos espazos de referencia da entidade no ámbito das novas tecnoloxías e xestión eficiente”.
En liñas xerais, o proxecto piloto habilitado na sucursal coruñesa consistiu na instalación dun nodo de blockchain que grava os datos de consumo enerxético e emisións de CO2 nun sistema de base de datos distribuída mediante cadea de bloques, “de forma segura, inmutable, certificábel e sen intermediarios”, sinala a banca galega, engadindo que, deste xeito, “os aforros enerxéticos que se rexistran neste libro contábel convértense nun valor virtual ou token”, que permiten a ABANCA asignarlles un valor económico.
A entidade galega lembra que é “o primeiro ente financeiro en realizar este tipo de transaccións”. Tamén explica que, de primeiras, esta tokenización de activos enerxéticos será utilizada pola entidade para o seu uso interno. Nunha segunda fase, está previsto estender o desenvolvemento deste proxecto tecnolóxico a outras oficinas da entidade e “experimentar coas transaccións xeradas novos modelos de negocio e de financiamento na economía verde e sustentábel, como apoio a empresas xeradoras de enerxías limpas ou que impulsan a eficiencia enerxética”.
O director de Innovación de ABANCA, Eduardo Aldao, afirma que “con este novo proxecto de innovación, damos un paso moi importante no noso obxectivo de ser líderes en sustentabilidade e na implantación real do mecanismo blockchain en diferentes áreas do negocio financeiro, aproveitando todas as posibilidades que ofrece o intercambio de activos dixitais de forma segura e e sen intermediarios”.

PUBLICIDADE