ABANCA, recoñecida pola súa comunicación dixital

luns, 12 de xuño do 2017 Redacción

ABANCA vén de obter un importante recoñecemento ao seu labor de comunicación cos clientes, máis polo miúdo polas súas estratexias de fidelización e dixitalización. Falamos do premio EMOtional Friendly Bank, que distingue a entidade financeira galega como a banca estatal que máis mellorou no último ano en materia de confianza dos seus clientes. O recoñecemento, outorgado pola consultora EMO Insights International, está motivado polos resultados obtidos polo banco no 5º Estudo de emocións de clientes particulares no sector bancario español, elaborado por esta empresa. Segundo esta enquisa, ABANCA tamén se sitúa nos primeiros postos do sector en consolidación da banca móbil.
O director xeral de Negocio España, Luis Beraza de Diego, foi o encargado de recoller o premio de mans da conselleira delegada de EMO Insights, Elena Alfaro, nun acto celebrado na sede institucional de ABANCA en Madrid.
O estudo de EMO Insights, baseado en máis de tres mil enquisas online a clientes de 17 entidades, mostrou unha evolución positiva da banca galega no índice EMO, que é a métrica que resume o apego emocional dun cliente cara a unha marca en base a emocións positivas (abraio, ledicia, confianza e agradecemento) e negativas (decepción, irritación, frustración e inseguridade). ABANCA obtivo nesta investigación un índice EMO do 32,1%, cunha mellora do 18,3% con respecto a 2016, a máis alta do sector.
A maiores, como dixemos, a entidade galega foi quen de emprazarse nos primeiros postos do sector en afianzamento da banca móbil. En teremos concretos, aparece como un dos bancos que ostenta un meirande emprego da app móbil como canle de contacto dos clientes, superando á media do sector.
Asemade, a gran distancia do segundo competidor, foi a entidade que “máis medrou en proceso de dixitalización no último ano”.

PUBLICIDADE