ADICAE axúdanos cunha xornada a practicar un comercio electrónico seguro e fiábel

mércores, 4 de maio do 2022 S. P.

ADICAE (a Asociación para a Defensa de Consumidores e Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros) organiza esta semana na Coruña e en Vigo (e por vídeo-conferencia) unha actividade divulgativa encadrada no seu traballo por facilitar na sociedade “unha transición dixital xusta”. A xornada O comercio electrónico e os consumidores celebrarase este venres 6 de maio en horario de 10.00 a 11.00 horas.
Desenvolverase en colaboración co Centro Gaiástech, encargado de apoiar a transformación dixital en Galicia. O obxectivo da cita é achegar aos cidadáns recursos de toda índole para protexer os seus dereitos e datos no uso do comercio electrónico. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da ligazón habilitada. Poderán participar mediante vídeo-conferencia ou acudindo ás sedes de ADICAE na Coruña e en Vigo.
Máis en concreto, achegaranse recomendacións e aspectos a ter en conta antes, durante e despois de realizar unha compra por Internet, incluíndo os dereitos que amparan aos consumidores, as obrigas do vendedor de cara aos seus clientes e os puntos clave para comprar de forma segura e evitar estafas.

PUBLICIDADE