AGA promove nas redes sociais o patrimonio apícola galego

mércores, 23 de outubro do 2019 Redacción

A Asociación Galega de Apicultura AGA presentou onte en Santiago unha iniciativa de seu para mostrar ante o mundo, botando man das redes sociais, o rico patrimonio apícola galego. Trátase do proxecto Apiturismo Xacobeo 2021, integrado no programa O Teu Xacobeo da Xunta (Turismo de Galicia). O obxectivo básico é que non haxa muros nin cancelas para que calquera persoa do mundo poida gozar “das nosas fermosas paisaxes e da nosa apicultura singular, da que se obteñen produtos extraordinarios”. Os contidos nas redes xogarán, neste senso, o papel de facilitadoras e optimizadoras da experiencia turística.
O proxecto, que foi presentado por Xosé Torres e Paula Souto, membros da directiva de AGA, busca pór en valor as alvarizas, construcións apícolas tradicionais de Galicia realizadas en pedra seca, un tipo de construción común de varias contornas de Europa e declarado en datas recentes Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.
Coa finalidade de atraer visitantes á oferta de apiturismo en Galicia, dirixida tanto a apicultores como peregrinos e turistas (especialmente de cara a celebración do Xacobeo 202)1, o proxecto inclúe unha serie de materiais e actividades de promoción que foron presentados durante o acto. Por exemplo unha publicación dixital para ser distribuída a nivel internacional con fotografías das apiculturas máis representativas do noso país, un vídeo con imaxes aéreas de explotacións apícolas e paisaxes de Galicia (que se está a divulgar a través das redes sociais) e unha exposición fotográfica, que se expoñerá en diferentes lugares de Galicia nos próximos meses, comezando a partir de hoxe na Galería Sargadelos, ata o día 31 de outubro.

Vídeo co que promoven o apiturismo

PUBLICIDADE