AGALI adica ao ensino na Sociedade da Información as súas xornadas

venres, 5 de xuño do 2015 Redacción

A Asociación Universitaria de Ciencias Sociais e Humanidades Galicia Iberoamérica (AGALI) organiza co apoio da Universidade de Santiago (USC) a quinta edición das xornadas AGALI, que desta volta estarán adicadas, tematicamente e na forma, ao ensino na Sociedade da Información. O evento desenvolverase os días 18 e 19 de xuño nas Facultades de Ciencias da Educación (Campus Norte) de Santiago e de Formación do Profesorado de Lugo. A organización, na que están tamén presentes ANTE, ELINCIS e varias redes de investigación galegas e estatais, mantén aberto ata o día 12 o prazo tanto para inscribirse como para enviar comunicacións.
Os expertos Xosé Manuel Souto González, da Universidade de Valencia, e Joan Santacana i Mestre, de Barcelona, serán os encargados de pronunciar os dous relatorios incluídos no encontro. O primeiro preguntarase na súa intervención “que pode facer o bo profesorado de Xeografía e Historia no ensino básico”, mentres que o docente catalán tratará de explicar “os retos de educar na xeración das aplicacións móbiles”, informa a Universidade de Santiago.
O resto das xornadas artéllase en sesións de comunicacións e catro mesas redondas sobre o aproveitamento didáctico do patrimonio, o mestrado investigador como desafío para o futuro, a confluencia entre as áreas de lingua e literatura e ciencias sociais e as controversias sociocientíficas, coa problemática do lobo en Galicia como caso de estudo.

PUBLICIDADE