AGESTIC organiza este mércores unha xornada sobre TICs para colectivos en risco de exclusión

martes, 30 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías (AGESTIC) organiza este mércores 1 de xullo unha xornada sobre o alto potencial que teñen as novas ferramentas do coñecemento para contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional. A cita, que será no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago) entre as 11.45 e as 14.00 horas, servirá tamén para dar acubillo á presentación na nosa terra da Fundación Tecnoloxía Social (FTS) e as súas liñas de actividade. O encontro contará coa colaboración do dito centro tecnolóxico dependente da Consellería de Traballo, de FTS e de Indomótika. En palabras dos propios organizadores da xornada, o obxectivo da mesma é buscar camiños para a mellora da accesibilidade tecnolóxica e usabilidade do contorno e da comunicación para todas as persoas en xeral, “contemplando as particulares necesidades daquelas con diversidade funcional, maior idade ou situación en risco de marxinación social”.
Polo que respecta ás persoas e entidades ás que vai dirixido este encontro (de acceso libre), EGASTIC fai fincapé nas organizacións de persoas con diversidade funcional, fundacións, asociacións, entes e empresas tecnolóxicas. administracións públicas e Organizacións Non Gobernamentais (ONG), que traballen pola accesibilidade en todos os eidos e teñan interese en afondar nas cuestións tecnolóxicas que melloren a accesibilidade e as condicións de vida dos devanditos colectivos.
A continuación, damos conta do programa de actividades:
11:45 horas: Acreditacións.
12:00 horas: Inauguración.
Alfonso Blasco García. Director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galícia (CNTG).
José María López Bourio. Presidente da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías (AGESTIC)
Ana María Díaz López. Directora Xeral de Formación e Colocación Xunta de Galicia.
12:15 horas: Presentación da Fundación Tecnología Social (FTS) en Galicia.
Enrique Varela Couceiro. Presidente. Intervención: “Tecnoloxías para o home perfecto”.
12:45 horas: Presentación Spin- off TENYUS. “Unha empresa tecnolóxica para axudar a superar problemas de accesibilidade”
13:15 horas: Solucións domóticas accesibles. José María Núñez Ortuño. Indomótika.
13:45 horas. Clausura.
José María López Bourio. Presidente da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías (AGESTIC)
Susana López Abella. Secretaria Xeral de Benestar e Familia Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE