AGESTIC premia o bo facer das empresas galegas en materia das TIC

xoves, 9 de setembro do 2010 Raquel Noya

A Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), sabedora de que moitas das pequenas e medianas empresas do noso país están a facer un esforzo considerable para aplicar e desenvolver técnicas, metodoloxías, ferramentas e boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade, quere premiar este bo facer, e vén de convocar os seus premios Innova-G, cos que recoñece o labor de incorporación do modelo de negocio dixital das PEMES galegas, así como o seu esforzo innovador.
Segundo a organización dos Premios, “Galicia conta con empresas tecnolóxicas que fan posible cos seus desenvolvementos unha Galicia actual competitiva e cun pé no futuro”, neste senso, os e as profesionais galegas que veñen apostando polo desenvolvemento das TIC nas súas empresas e entidades, poden ver recoñecido o seu labor participando neste novo concurso que convoca AGESTIC.
Dende esta asociación e as entidades que colaboran nos premios queren galardoar “a innovación das empresas na incorporación a esta nova realidade, e dar o seu apoio e recoñecemento aos que non ven no cambio un problema se non unha oportunidade”.
Poderán participar nesta convocatoria tódalas PEMES galegas, tecnolóxicas ou non, que leven a cabo ou xa teñan feito a adaptación da súa empresa ao modelo de negocio dixital, ou que desenvolvan proxectos, produtos ou servizos 2.0.
O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 8 de outubro, e estas deberán ser subidas para ser votadas polos internautas á web oficial do evento.
Haberá dous premios por cada categoría (un premio dos internautas e un premio do xurado) e o acto de entrega de mencións celebraráse en Santiago de Compostela o 14 de outubro de 2010.
As categorías establecidas nesta edición son as que seguen:
- Mellor idea de negocio 2.0: premio á mellor Start-up galega.
- Mellor emprendedor/a galego/a 2.0: premia ao galego ou á galega líder e coraxuda que día a día, xunto ao seu equipo, saca adiante un proxecto empresarial 2.0
- Mellor campaña social media: premia á PEME galega que mellor uso faga das redes sociais e servizos 2.0 (twitter, facebook…)
- Mellor iniciativa de apoio á innovación: premia aos organizadores (persoas ou PEMES galegas) de xornadas, seminarios, eventos, reunións, webs…que promovan e apoien á innovación en Internet en Galicia.
- Mellor desenvolvemento 2.0: premio á PEME galega cuio desenvolvemento 2.0 (redes sociais, comercio electrónico, e-learning…) sexa considerado o mellor feito en Galicia.
- Mellor aplicación para dispositivos móbiles
- Mellor solución tecnolóxica móbil
- Mellor deseño para todos: premio á PEME galega responsable de modelo ou modelos usables e accesibles en Internet
- Mellor desenvolvemento centrado nos cidadáns: grazas ao cal se produce unha innovación clara na calidade dos servizos sociais, sanitarios, educativos ou outros e se mellora sustancialmente a calidade de vida das persoas.
- Mellor desenvolvemento de RSE: premio á PEME galega da mellor aplicación en internet para a responsabilidade social, o medio ambiente, igualdade de oportunidades...
- Mellor desenvolvemento audiovisual en Internet: premio á PEME galega responsable do desenvolvemento audiovisual na rede máis innovador.
Malia que estes premios non contan con dotación económica, supoñen un recoñecemento ás entidades participantes e sérvenlle de gran axuda ao empresariado galego para que aposten polas novas tecnoloxías nos seus modelos de negocio.

PUBLICIDADE