AI denuncia a escravitude infantil xerada polo coltan, materia prima dos ordenadores

luns, 3 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Amnistía Internacional vén de pór en marcha unha campaña en liña dirixida a poñer de manifesto a realidade dos milleiros de nenos que traballan arestora en países do terceiro mundo contribuíndo co seu traballo en réxime total de escravitude ao afianzamento na Sociedade da Información dos cativos dos países ricos. Ao seu xuízo, nin sequera a nosa conexión ás redes, feito a todas luces beneficioso para estármonos informados e no mundo, é cen por cen inocua. Se non en todos os casos, si que nunha boa parte deles. A raizame do problema, sinala a organización sen arela de lucro, está no coltan, material mestura de columbita e tantalita (de aí o seu nome, unha abreviatura) que se emprega sobre todo para a fabricación de móbiles e computadores. A súa importancia, como se pode supoñer, é decisiva para o futuro da industria. O problema é que o 80% do que se ten localizado está nun país onde nin se respectan os dereitos básicos da nenez nin se escoitan as polo de agora poucas voces de alarma do eido internacional (en boa medida culpable da situación).
Falamos da República Democrática do Congo, país que está arestora en conflito en boa medida debido ao control (cada vez máis disputado) do material devandito.
Lonxe de levar prosperidade ao país, é parte da orixe dun problema que ameaza con ser eterno”, sinala Amnistía Internacional, “empregándose moitos dos ingresos xerados en mercar armas procedentes dos Estados Unidos, Bélxica, Francia, China ou Alemaña, entre outros”.
O resultado, engade, é unha guerra na que xa morreron case cinco millóns de persoas (con 2 millóns de desprazados), unha guerra que, en boa medida, responde aos intereses xerados a nivel mundial polo dominio do mercado das telecomunicacións.
Segundo apunta AI, os internautas temos xeitos de loitar contra ela (en gran parte, estamos moralmente obrigados): empregando o noso equipo para axudar ás vítimas do conflito. A idea, entre outras cousas, é sumarnos á petición de Amnistía Internacional ao Goberno da República Democrática do Congo. Amais disto, tamén é posible achegar unha doazón monetaria á iniciativa.

PUBLICIDADE