AJE Galicia pídelle á Xunta medidas para abaratarlles as TIC aos emprendedores

xoves, 2 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Patricia García, presidenta de AJE Galicia, nunha imaxe publicada por Ecodixital.com

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE Galicia) vén de marcarse unha misión estratéxica que nos colle de preto: traballar para que as novas tecnoloxías da información estean nas mellores condicións posíbeis preto das PEME e os profesionais. A xuízo deste colectivo, as novas ferramentas do coñecemento non só constitúen un instrumento de traballo de primeira orde, en termos de comunicación, de promoción ou de venda, senón que en moitos casos son o miolo mesmo das empresas. Así, informan, é fundamental que isto sexa accesíbel economicamente. Por isto, pídenlle á Xunta que tome decisións para lograr prezos máis reducidos en servizos para PEME e autónomos.
Na súa opinión, a saída da crise non é só cuestión de cartos, senón de creatividade. Para a asociación galega, os novos empresarios non precisan tres aeroportos pelexando entre eles por pasaxeiros, senón servizos máis eficaces e accesíbeis. Este compromiso a prol da creatividade é, xustamente, o que lle reclaman á Xunta, informan, co fin de pór en marcha medidas innovadoras que teñan “incidencia positiva e inmediata na situación dos emprendedores e pequenos empresarios que tentan manterse a flote, creando emprego na comunidade autónoma”.
Segundo apunta a presidenta de AJE Galicia, Patricia García, o custe que supón para unha pequena empresa un servizo básico como o ADSL, ou telefonía móbil con acceso a Internet (imprescindíbel, di, para os que non contan nin sequera cun despacho físico), sumado ao prezo da seguridade social, “poden consumir tódolos ingresos mensuais das devanditas empresas, isto sen contar cos gastos que se derivan da contratación do persoal”. Na proposta que lle envían ao Goberno galego, os novos empresarios galegos convidan á Xunta a que traballe por axustar o prezo dos devanditos servizos, de outros como os apartamentos urbanos. “Poderíase habilitar isto para as empresas”, din, “co fin de que poidan aparcar en zonas de carga e descarga cando estean facendo visitas comerciais, ou darlles descontos nos aparcamentos para diminuír o custe do servizo”.

PUBLICIDADE