AJE Galicia ultima o seu curso de verán sobre redes 2.0 e confirma presenza en PortAmérica

xoves, 19 de xullo do 2012 Redacción

AJE Galicia vai celebrar a finais de xullo, o luns 30 e o martes 31 en horario de 16.00 a 22.00 un curso de verán sobre as redes sociais e o seu amplo potencial para cambiar o noso xeito de comunicármonos e facermos empresa e mercado. O curso, de doce horas, está dirixido a calquera profesional, pequena ou mediana empresa ou estudante que precise actualizar os seus coñecementos e traballar de xeito eficaz nas comunidades e servizos 2.0, tirando partido da promoción en liña. Segundo informa a asociación galega de novos empresarios, arestora están a esgotarse as últimas prazas dispoñíbeis, polo que cómpre que bulamos se queremos “aproveitar a oportunidade para informarnos dos segredos das ferramentas 2.0, os móbiles , os servizos de xeoposicionamento e as novas contornas de comunicación na empresa”.
A actividade divulgativa-formativa vén da man de Creativatoval.
O Curso de Verán Redes Sociais e Marketing online inclúe un programa moi vinculado ás novas estratexias de negocio e a creación dun plan de comunicación facendo fincapé en ferramentas específicas 2.0 como Facebook (perfís, páxinas e grupos, contidos e xestión), Twitter (contas, xestión de listaxes, hashtags e estratexia), Linkedin, redes de posicionamento, YouTube, Google+, Pinterest, Google AdWords, móbiles, tabletas, xeoposicionamento, etc. A actividade, que terá un custe de 100 euros para asociados e 140 para non asociados, levarase a cabo na sede de AJE Galicia, no quinto andar do número 4, da rúa Manuel Núñez de Vigo.
Informar por outra banda que AJE Galicia tamén estará presente en PortAmérica, o festival que organiza en Nigrán (Molle) Esmerarte, cun stand de seu no espazo Mercainova (a parte do certame máis dedicada a amosar a innovación e a creatividade dos nosos emprendedores e profesionais). Sinalar que PortAmérica é un festival galego de música, audiovisual e innovación creativa que se celebra entre o 19 e o 21 de xullo, e que pretende amosar o potencial da cultura como motor de dinamización e desenvolvemento, e facer, amais, que o motor prenda e se manteña aceso a ámbalas beiras do Atlántico e demais océanos. Para acadalo e ir acubillando combustíbel, a empresa responsábel do festival, Esmerarte, puxo en marcha unha comunidade en liña que funciona, en palabras dos profesionais da firma, “como unha plataforma virtual para difusión do talento”.

PUBLICIDADE