AMTEGA e FEGAMP xuntan forzas para facilitar as melloras de cobertura móbil nos concellos rurais

xoves, 26 de decembro do 2019 Redacción

Todo apunta que co novo ano intensificarase o compromiso das administracións para pór freo á fenda de comunicacións que separa as vilas e cidades dos núcleos de poboación máis miúdos e illados do noso rural. Nesta liña, poñendo o foco na cobertura móbil, sitúase o acordo que veñen de asinar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e a Federación Galega de Municipios (FEGAMP), un acordo marco para permitir aos concellos mellorar as comunicacións móbiles no rural. Desde principios de xaneiro e ata mediados de febreiro os municipios interesados poderán realizar a solicitude de adhesión ao programa autonómico para facilitar o servizo da dita tecnoloxía a través da FEGAMP.
As entidades locais deberán presentar un proxecto, que inclúa información de zonas nas que teñen constancia de deficiencias de cobertura así como a posta a disposición dun terreo axeitado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica, para o que poderán solicitar unha axuda máxima de 30.000€.
Aqueles concellos que cumpran cos requisitos (ter deficiencias en comunicacións móbiles, en base ao mapa de cobertura elaborado pola AMTEGA en colaboración co COETG, o Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia) integraranse nun proxecto que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico RETEGAL para a construción das torres e unha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva. O seguinte paso será a adxudicación do proxecto, prevista para finais do primeiro semestre do 2020 co obxectivos de completar a construción da totalidade das torres nun prazo de dous anos.
Segundo informaron AMTEGA e a FEGAMP, desta actuación, que conta cun investimento público de 5 millóns de euros, poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural “nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil”, a maior parte deles núcleos con menos de 10 habitantes pero “algúns rexistrando gran circulación de persoas ao tratarse de destinos turísticos ou zonas situadas no Camiño de Santiago”, engadiron.

PUBLICIDADE