AMTEGA e FEGAUS poñen o foco en formar ás persoas maiores en tecnoloxías e banca en liña

xoves, 10 de marzo do 2022 S. P.

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), iniciou un novo programa formativo que inclúe 50 charlas orientadas a fomentar o uso da tecnoloxía e a banca online. Os seminarios están especialmente orientados ás persoas maiores, co obxectivos de incrementar os recursos que posúen para desenvolverse nun mundo cada vez máis conectado, aínda que, segundo sinalan as ditas entidades, a inscrición está aberta para todas as persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos nestes ámbitos.
A Rede CeMIT, tecido de espazos de capacitación dixital espalladas polo noso territorio, colaborará a través de emisións online e presenciais nas aulas CeMIT. Neste momento son 14 as localidades que se suman a esta iniciativa: Abegondo, Arzúa, Beariz, Boiro, Carballedo, Castrelo de Miño, Celanova, Cuntis, Fisterra, Ribadeo, Ortigueira, Ponteareas, Santa Comba e Valga.
Segundo informou AMTEGA, as persoas interesadas en participar contarán co asesoramento dos dinamizadores/as dos centros durante o proceso de alta e conexión ás charlas, no caso de que desexen seguir estas sesións desde os seus fogares en formato en liña.
Para a formalización das inscricións para participar de xeito presencial recoméndase establecer contacto cos responsábeis das aulas CeMIT participantes en cada seminario ou na web da Rede CeMIT. O único requisito é ser ou darse de alta como usuario/a da Rede ou, no caso de seguir os cursos desde a casa, inscribirse desde a web de FEGAUS en Canal Sénior.
A federación e a axencia poñen o foco na accesibilidade da formación: serán contidos formativos presentados de “xeito ameno e sinxelo” e están orientados a que os asistentes poidan sacar o máximo partido a través de sesións gratuítas de 60 minutos de duración, en horario de mañá e tarde, de 10.30 a 11:30 horas, e de 17.00 a 18:00 horas, e versarán sobre temáticas moi diversas como:
• Consumo Sénior: Como evitar o spam telefónico; Nova tarifa da luz, coñécea e aforra na túa factura!, Dereitos do consumidor nos produtos e servizos dixitais, etc.
• Soidade: A importancia de falar en positivo, Consellos útiles para xestionar os teus medos, Vivir o duelo como un proceso natural, etc.
• Dinamízate: Atrévete con Facebook, Atopa a túa app de relaxación ideal e practica cada día; Si o Sabes! Descubre os xogos de preguntas máis interesantes para o teu móbil, etc.
• Rural TIC: Que é a Administración electrónica, Trámites online sen certificado electrónico, Novidades do DNI electrónico (4.0), etc.
• Relaciona TIC: Outras formas de ler, apps de relatos en chat e audiolibros; App para vender aquilo que xa non usas; Conecta os teus dispositivos: altofalantes intelixentes, reloxos, enchufes, etc.
• Banca Dixital: Séniors TIC: Aprende a usar un caixeiro automático, Pagos seguros por internet, Como acceder á túa conta bancaria; Tarxetas prepago: recarga cando queiras e paga con tranquilidade, etc.
Quen queira consultar polo miúdo os bloques, as datas e os lugares de celebración das actividades ten toda a información na web da Xunta e de AMTEGA.

PUBLICIDADE