AMTEGA e Red.es completarán o sistema de gravación de vistas con sinatura dixital dos órganos xudiciais galegos

xoves, 27 de xuño do 2013 Redacción

O Consello da Xunta celebrado esta mañá en San Caetano autorizou a sinatura dun convenio entre a entidade pública estatal Red.es e a AMTEGA para completar o despregamento dun novo sistema de gravación de vistas con sinatura dixital na totalidade dos órganos xudiciais galegos e avanzar na creación dun repositorio centralizado con toda a información e as gravacións do eido xudicial galego no CPDI da Xunta (que estará accesible dende calquera punto de Galicia nun contexto seguro e altamente dispoñible).
Estas actuacións enmarcadas no desenvolvemento do expediente xudicial electrónico precisan dun importante investimento económico (de preto de 1,62 millóns de euros) e en virtude do acordo abordado hoxe establécese un investimento de 950.000 euros (dos que o 80% chegarán a través de Red.es a cargo de fondos FEDER).
A primeira fase do proceso de implantación do sistema de gravación de vistas iniciou este ano e chegará a 71 salas (o 42% do total) agardándose que con este novo pulo o proceso chegue ás 100 salas restantes.
Este novo sistema dixital evitará a presenza física no xuízo dos secretarios xudiciais, que asinarán electronicamente a gravación con todas as garantías de autenticidade e seguridade, e permitiralles a consulta das gravacións vía web a xuíces e secretarios xudiciais. Deste xeito contribúese ao desenvolvemento e a consolidación do expediente xudicial electrónico.
A renovación dos sistemas de gravación de vistas enmárcase no Plan Senda para a integración das TIC na Xustiza, no cal se levan investidos 13,7 millóns de euros no período 2009-2012.

PUBLICIDADE