AMTEGA presenta un plan plurianual, con 7 obxectivos estratéxicos e 38 programas a desenvolver antes do 2014

venres, 27 de xullo do 2012 Raquel Noya

Alfonso Rueda presidiu a xuntanza do Consello Reitor de AMTEGA

O Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), presidido polo Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, vén de aprobar un plan plurianual 2012-2014, no que se definen ata 7 obxectivos estratéxicos e 38 programas para desenvolver os obxectivos da Xunta en materia tecnolóxica, segundo o establecido na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal
Os dous primeiros obxectivos estratéxicos teñen como denominador común a mellora dos servizos que presta a Administración; primeiro orientado a cidadáns e empresas poñendo á súa disposición contidos e servizos públicos dixitais avanzados, e segundo mediante actuacións como o Plan de Modernización da Administración pública, que xa se está a executar e que está a axilizar a relación telemática da cidadanía coa Administración.
O devandito proxecto contempla outras actuacións en marcha como o Plan eConcellos, co que se pretende acadar unha acción coordinada entre as administración a través das TIC, e o impulso da relación telemática co sector empresarial, comercial e industrial.
O segundo obxectivo estratéxico está orientado á transformación interna da Administración pública autonómica, mediante un uso axeitado das TIC, “garantindo a eficiencia, eficacia, calidade e sustentabilidade dos servizos”, afirman.
Para acadalo, entre outras medidas, xa se levou a cabo a posta en marcha este ano do Centro de Proceso de Datos, unha infraestrutura que integra nun mesmo espazo as funcionalidades dos 80 CPDs existentes e que unha vez consolidado permitirá un aforro de 3 millóns de euros anuais. Tamén se contempla centralización de compras de produtos e servizos TIC e a homoxeneización das plataformas tecnolóxicas.
Neste plan plurianual tamén se contemplan as actividades de alfabetización dixital da Rede CeMIT, a mellora do programa Abalar, o impulso do software libre no conxunto da Autonomía, e un programa de competencias dixitais para os empregados públicos que xa se está a levar a cabo.
Outro obxectivo é impulsar o hipersector TIC, con dous programas: un de apoio á innovación TIC e ao fomento do emprego, e outro consistente nun sistema público de compra de tecnoloxía innovadora.
O quinto obxectivo busca impulsar o uso dos servizos TIC por parte das empresas galegas, por unha banda a través do Centro Demostrador TIC e por outra a través da posta en marcha dun plan de demanda anticipada tecnolóxico-industrial para os sectores estratéxicos de Galicia
O sexto obxectivo estratéxico é implantar unha rede de infraestruturas de telecomunicacións moderna e sostible, unha actuación que se está a desenvolver a través do Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 e que se completará con outras actuacións como a construción dun servizo integral de comunicación de emerxencias para Galicia e un programa de impulso para a creación do fogar dixital.
O último obxectivo é a creación dun modelo de xestión áxil e eficiente das políticas tecnolóxicas, que xa está materializado a través da posta en marcha da AMTEGA.

PUBLICIDADE