APD achega en Santiago as claves para captar o talento dos mozos e mozas

martes, 22 de abril do 2008 Raquel Noya

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) vai presentar en Galicia o estudo Os mozos españois ante a empresa o e traballo, levado a cabo por People Matters e patrocinado por Eulen Flexiplan, que recolle os factores que máis valora a xuventude á hora de acceder ao mercado laboral.
O devandito informe, resultado das enquisas realizadas o pasado ano a 1.800 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de toda España, darase a coñecer no marco da xornada Motivación e compromiso dos mozos españois ante a empresa e o traballo, que terá lugar mañá mércores 23 de abril na sede da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA).
O foro vai dirixido especialmente a directores de Recursos Humanos (RRHH) e responsables empresariais de xestión de persoal e nel abordaranse os achados do estudo así como os aspectos máis destacables do mesmo, que se resumen na preferencia dos mozos por traballar na Administración Pública e na importancia concedida á proximidade do lugar de traballo ó de residencia.

PUBLICIDADE