Abegondo acolle este mes unhas completas xornadas sobre a importancia das redes no rural

mércores, 7 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Presentación, hai dous anos en Abegondo, da imaxe da Asociación Mariñas-Betanzos, organizadora das xornadas

A Asociación Mariñas-Betanzos vai organizar os vindeiros días un encontro dirixido a impulsar, nas nosas zonas non urbanas, a busca de novas actividades empresariais e o reforzamento das xa existentes, botando man das potencialidades de comunicación, promoción e participación que ofrece hoxe a Sociedade do Coñecemento. Trátase, máis polo miúdo, dunha xornada para o fomento da innovación no medio rural, evento de divulgación e formación que contará coa axuda da Consellería de Presidencia e que se vai desenvolver baixo o epígrafe Novas tecnoloxías da información e Administración Electrónica.
A actividade celebrarase no salón de plenos do Concello de Abegondo, os días 9 e 23 de setembro, e nela amosaranse experiencias para facilitar o acceso á Rede, sobre todo nas zonas rurais que presentan máis obstáculos de conexión, co fin de achegarlle cobertura a empresas dos sectores tradicionais. A ocasión servirá tamén para identificar problemas comúns aos habitantes e ás empresas da nosa xeografía non urbana, en materia de vida dixital, buscándose arranxos a estas eivas que, por outra banda, arrástranse dende antes mesmo da chegada da Rede.
Segundo informa a asociación responsábel das xornadas, un dos obxectivos básicos será darlle corpo a posíbeis solucións aos ditos atrancos en materia de infraestruturas e servizos de telecomunicacións, Sociedade da Información e Administración Electrónica. Para as persoas interesadas en acudir a este evento, dicirlles que poden facelo a través da conta de Internet info@marinasbetanzos.org ou ben chamando ao número 981 669 541.

Programa das xornadas

Venres 9 de setembro
O acceso a Internet no medio rural: iniciativas, posibilidades e a súa incidencia no sector agrario
9.30 h. Inauguración
• D. José A. Santiso Miramontes. Presidente Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas – Betanzos.
9.45 h. “As dificultades para o acceso á Banda Larga no territorio Mariñas – Betanzos”. • Representantes de asociacións e empresas do territorio.
11.00 h. “O Plan de Banda Larga 2010-2013: actuacións previstas en “Mariñas – Betanzos”.
• D. Javier Páez González. Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.
12.00 h. Pausa – café
12.30 h. “Iniciativas cidadáns para o acceso a Internet. O proxecto Guifi.net”
• D. Daniel Espiñeira. Promotor do supernodo Guifi.net de Ourovello (Paderne).
• D. Ramón Roca. Presidente da Fundación Guifi.net.
13.30 h. “Taller práctico: Creación dun supernodo e un nodo de acceso á Rede”.
• D. Angel Nogueira. Representante da empresa GST Telecomunicaciones.
14.30 Peche das Xornadas
• D. Jorge M. Blanco Ballón. Xerente Programa Leader 2007-2013. GDR Mariñas – Betanzos.

Venres 23 de setembro
Sociedade da Información e Administración Electrónica
9.00 h. Presentación da xornada.
• Representante do Concello de Abegondo.
• Representante da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
9.30 h. O desenvolvemento da e-Administración nas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.
• D. Juan Carlos Forján. Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
10.30 h. Estado da implantación da Administración Electrónica na provincia da
Coruña.
• Representante da Deputación Provincial da Coruña.
• D. José Mª Ares Abalo. Responsable de Innovación Tecnolóxica e Atención Cidadá
no Concello de A Coruña: “A experiencia do Concello da Coruña no desenvolvemento da Administración Electrónica. Proxecto en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Bergondo para a implantación dunha solución Floss para a facturación electrónica”.
12.00 h. Pausa-café.
12.30 h. Coloquio-debate: O desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais.
• Moderador: D. Efrén Arias Jordan. Profesor titular da área de Linguaxes e Sistemas informáticos da Universidade de Santiago de Compostela.
• D. Juan Carlos Forján. Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
• Representante da FEGAMP.
• Representante da sección de Asistencia Informática a Municipios do Servizo de Informática: iniciativas da Deputación Provincial da Coruña.
14.00 h. Axendas Dixitais Locais, ferramentas para o desenvolvemento da Sociedade da Información.
• D. Rubén Cid Fernández. Área de Innovación Tecnolóxica Concello A Coruña.
14.45 h. Peche das Xornadas.

PUBLICIDADE