Aberta a inscrición da 2ª convocatoria de Imaxina Coruña, que conta co apoio do CESGA

luns, 23 de xaneiro do 2023 S. P.

O Concello da Coruña abriu o prazo de inscrición para a segunda edición do proxecto educativo Imaxina Coruña para o curso escolar 2022-2023, unha iniciativa municipal que pretende difundir a cultura científica e tecnolóxica entre o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.
O prazo de inscrición comeza este luns 23 de xaneiro e ficará aberto ata o 15 de febreiro e poden presentarse todos os centros educativos con sede na cidade da Coruña e área metropolitana que conten con grupos de alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.
Segundo explicou o Concello, este ano a temática escollida para os proxectos é a ciencia cidadá. Os equipos deberán desenvolver unha investigación utilizando a aplicación móbil educativa do CESGA (Centro de Súpercomputación de Galicia), aplicando as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicaicón) ao ámbito educativo e “aprendendo a utilizalas dunha forma segura”. O proxecto finalizará coa presentación pública dos experimentos ou materiais creados que cheguen á fase finalista.

PUBLICIDADE