Abertal estrea un sistema en liña de xestión de citas

luns, 2 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Páxina web do Psicotécnico Alfredo Brañas, onde podemos ver un exemplo do funcionamento do servizo

Abertal Networks, empresa recoñecida recentemente por EGANET con motivo da súa longa experiencia e implicación no desenvolvemento do noso sector TIC, comeza o ano lanzando no universo en liña un sistema tecnolóxico de xestión de cita previa. A achega, que segundo apunta Abertal salienta pola sinxeleza e comodidade quen pon en xogo, ten especial potencialidade para dar servizo en consultas médicas, despachos de avogados, notarías, perruquerías, centros de estética, talleres, etc. En definitiva, para calquera tipo de servizo empresarial onde se teña entre mans a seguinte tarefa: a organización diaria das quendas de atención a usuarios ou clientes.
Cun par de clics, o cliente destes negocios pode consultar e reservar a data e hora dispoñibles para a súa cita, sen necesidade de chamadas telefónicas nin de desprazamentos”, conta Abertal dende a súa web. Respecto ás devanditas sinxeleza e comodidade do sistema para as empresas, dicir que estas vantaxes baséanse, en parte, na posibilidade de tirarlle o máximo uso e sen que sexan precisos amplos coñecementos tecnolóxicos, ao que cómpre engadir o feito de que permite centralizar, nunha única ferramenta, a xestión das citas en liña, as telefónicas e máis as presenciais. Abertal, co fin de darlle visibilidade a isto, achega na súa web unha xanela á páxina do Psicotécnico Alfredo Brañas, onde se amosa con todo detalle un exemplo do novo sistema de cita.

PUBLICIDADE