Abertis aposta ao grande pola tecnoloxía de Microsoft

luns, 15 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

María Garaña e Salvador Alemany durante a formalización do convenio entre Microsoft e Abertis

Agora que a tecnoloxía se vai abrindo camiño nas empresas, toca ir afacéndose a usala do mellor xeito posible. Neste vieiro de apostar pola eficacia no uso das ferramentas da era dixital é onde semella que se está a situar o grupo Abertis, e máis concretamente en tirar o máximo partido das solucións e servizos de Microsoft, con quen acaba de asinar un acordo para implantar (precisamente) as últimas tecnoloxías da multinacional de EE UU en todas as súas empresas. A formalización do convenio perante os medios de comunicación, na que participaron Salvador Alemany (conselleiro delegado de Abertis) e María Garaña (presidenta de Microsoft Ibérica), celebrouse este luns en Madrid (na imaxe) e nela deuse a coñecer o gran obxectivo de Abertis con este movemento de ficha: reducir nun 20% os custos asociados ao software de produtividade dos postos de traballo.
Máis polo miúdo, o pacto con Microsoft (sinalou Alemany) permitiralle a estandarización da plataforma de xestión dos seus sistemas de información, xunto coa dispoñibilidade de tecnoloxías como as comunicacións unificadas ou a última versión da suite de produtividade Microsoft Office 2007, “que lles fará posible tanto aos administradores de sistemas como ao resto dos empregados de Abertis automatizar tarefas e facer un mellor uso do seu tempo”, engadiron no acto de presentación as dúas compañías rubricantes.
Por certo que as dúas compañías tamén se comprometeron no desenvolvemento dunha nova plataforma de distribución de contidos televisivos sobre a Rede en contornos 2.0. A iniciativa conxunta inclúe o deseño dunha ferramenta en liña que sexa portal, canle e web e que permita a xestión e distribución dos contidos da Televisión Dixital Terrestre, TDT.

PUBLICIDADE