Aberto até este martes o espazo da Deputación e o INCIBE en San Marcos para formar en ciberseguridade

luns, 4 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Lugo e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), dependente do Ministerio de Transformación Dixital, poñen a disposición da cidadanía diferentes dispositivos para formar e informar sobre as ameazas de Internet. Fano na sede da institución provincial, cunha instalación ao servizo da veciñanza destinada a mellorar os seus recursos para garantir navegacións seguras.
A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolle este luns 4 e este martes 5 de decembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, a mostra Experiencias itinerantes sobre ciberseguridade, cunha zona informativa e outra de actividades gratuítas enfocadas a detectar os riscos e previr os problemas máis habituais en materia de ciberseguridade.
A Deputación explicou que “entre os obxectivos desta iniciativa, dedicada á cidadanía en xeral, está o de reforzar a confianza no ámbito dixital a través da formación en materia de ciberseguridade, para mellorar a capacidade das persoas de desenvolverse con confianza na era dixital”.
Este espazo conta con tres zonas diferenciadas: unha zona informativa, unha zona demostrativa e de capacitación, e unha zona de gamificación que contará con diferentes ordenadores. O público obxectivo é o alumnado, as familias, e as empresas, que poderán acceder ao espazo en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00. A zona demostrativa ten capacidade para 12 persoas ao mesmo tempo e a de gamificación para 24. A entrada é libre e gratuíta.

PUBLICIDADE