Aberto o prazo de presentación de candidaturas para a nova edición dos Premios EGANET

martes, 20 de novembro do 2012 Redacción

Hai doce anos a asociación EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías) constituíase como a primeira asociación TIC galega que nacía con vontade de representar a empresas relacionadas co software e os servizos tecnolóxico-dixitais nos cinco principais eidos deste sector: Internet e medios Online; Comunicación Interactiva e Novos Medios; Consultaría e Asesoramento TIC; Conectividade e Integración de Sistemas; e Desenvolvemento e Software. Emporiso, EGANET, tamén leva doce anos premiando o labor de aquelas e aqueles que traballan a prol da Sociedade da Información en Galicia servíndose de Internet e doutras tecnoloxías da información para levar a cabo a súa empresa. Deste xeito, EGANET vén de convocar unha nova edición dos seus premios.
O prazo de presentación das candidaturas está xa aberto até o 6 de decembro. Cómpre dicir que toda a información acerca da presentación de candidaturas atoparémola na súa web. Poderán presentarse ao concurso aquelas empresas, profesionais, asociacións e calquera outro organismo con sede social en Galicia cun único requisito: que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións. Con todo, de non ter razón social en Galicia, os/as candidatos/as poderán participar se teñen relación clara coa cultura, lingua ou sociedade galegas.
Por último dicir que son cinco as categorías para as que se reciben candidaturas: Premio Mellor Proxecto Colaborativo Empresarial TIC; Premio Mellor Proxecto Emprendedor TIC; Premio Mellor Aplicación Software; Premio Mellor Comunicación Dixital e Premio Mellor Negocio Online. Amais, este ano engádese un novo galardón, o Premio Especial EGANET, que será entregado ao proxecto, entidade ou personalidade galega que dende a última edición dos premios máis se esforzase en promover a realidade galega no contorno Internet.

PUBLICIDADE