Aberto o prazo para participar en Curtocircuito 2011

martes, 23 de novembro do 2010 Raquel Noya

A VIII edición de Curtocircuito, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, xa está a quencer motores para dar comezo oficialmente en maio do ano que vén; e é que, como se dunha voda se tratara, todo ten que estar a punto con tempo para que o día 6 de maio, a organización poida comezar a proxectar as curtas e obteña o recoñecemento que merece por parte do público.
O prazo de envío das curtametraxes para participar no concurso xa abriu o pasado 20 de novembro e ata o vindeiro 20 de febreiro estará aberto para que cineastas e afeccionados de todo o mundo envíen as súas pezas.
Para facelo, as persoas interesadas deberán inscribirse de maneira virtual a través da plataforma Short Film Depot. As curtas, que non poderán exceder do 30 minutos de duración, poderán enviarse por correo ordinario ou ser subidas á devandita web antes da data sinalada.
Nesta edición, a organización vai manter os premios do ano pasado, porén as categorías varían un chisco. Segundo informan, mantéñense as categorías Internacional dividida en Ficción, Animación e Documental, e a Explora para curtas experimentais. E nace a categoría Compostelae, tamén dividida en Ficción, Animación e Documental, na que competirán as curtas de todo o estado incluíndo, por suposto, as galegas, as que ademais optarán a un premio especial á Mellor curtametraxe galega.
Asemade, tódalas curtas enviadas ao concurso participarán automaticamente no Mercado Internacional de Curtametraxes, que terá lugar nas mesmas datas e que cumprirá este ano a súa sexta edición. Esta actividade ten a vocación de ser un punto de encontro para os profesionais do mundo audiovisual de curta duración, os que poderán, entre outras cousas, relacionarse, presentar, visionar e vender os seus traballos. Para poder asistir será preciso acreditarse de forma gratuíta a través da web do festival.

PUBLICIDADE