Aberto o prazo para participarmos no certame de relatos Ciencia que conta

luns, 29 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A Semana da Ciencia non é nin quere ser unha semana. Sobre o papel, é un mes enteiro (o de novembro) de actividades para pór de relevo e festexar os múltiples valores do labor investigador, pero realmente é unha actividade para todo o ano. Como tamén é unha actividade para todo o ano o traballo que despregan os nosos grupos de I+D, sendo o Grupo de Investigación Divulgatia FA3 da Universidade de Vigo un exemplo do que estamos a dicir. Un ano máis, este equipo de divulgadores vén de convocar un certame para informarnos de que non só é importante facer ciencia, hai que saber amosala. Falamos do Concurso de Relatos Ciencia que conta, que vai pola súa quinta edición.
O obxectivo é convidar aos estudantes galegos (Primaria, Secundaria e Bacharelato-Ciclos) a amosar achados científicos pola vía da escrita e poñendo en valor a importancia da ciencia no pulo económico e no benestar dunha sociedade (máis en detalle a galega) e un maior recoñecemento social destas actividades. Asemade, o que se pretende é achegar a sociedade ao traballo científico e máis polo miúdo ás profesións de científicos e tecnológos. O certame artéllase cunha categoría xeral na que pode participar toda a comunidade educativa e tres categorías para o alumnado: Primaria, Secundaria e Bacharelato-Ciclos. O prazo para o envío de traballos xa está aberto, e remata o 16 de novembro. O primeiro premio, por modalidade, consistirá nunha tablet. Igual que en edicións anteriores, os mellores relatos de cada categoría (en total sobre corenta) serán publicados nun libro.

PUBLICIDADE