Abre as súas portas a feira SIMO Network 2011

mércores, 5 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

HP está xa presente en SIMO, amosando tecnoloxía e patrocinando

Este martes 4 de outubro abriu a súas portas, até o día 6, un auténtico dinosauro das feiras TIC, polo que ten de grande, de antigo e de supervivente. Estamos da nova edición de SIMO, que agora, cos novos tempos, faise chamar SIMO Network, para dar a entender que non se trata dunha feira ao uso onde se expoñen cousas que dificilmente se poden entender sen explicación. Non, do que se trata é de explicalas e, máis aínda, de participar nelas, ao igual que acontece coa Rede de hoxe. O evento, que se desenvolve no pavillón 7 do recinto IFEMA de Madrid, aposta este ano, precisamente, por todos aqueles servizos e recursos dixitais que favorecen o encontro entre usuarios e o fluxo de coñecemento.
A edición deste ano, que reúne a máis 150 empresas participantes (entre as que se contan HP, Dell ou Intel, que tamén son patrocinadores) será máis un rede de traballo ca nunca, segundo apunta a organización.
O evento, que como cada ano incluirá a súa ración de relatorios e obradoiros, centrará unha boa parte das súas actividades en cuestións como as novas tecnoloxías aplicadas á saúde, coas súas mesas redondas, as exposicións de casos de éxito e os seus debates sobre a sanidade que nos agarda. Amais do devandito, os visitantes poderán estar ao tanto do que se está a facer nos últimos tempos en materia de sustentabilidade a través do plano tecnolóxico, será no espazo Open Green, que organiza a EOI. Como novidades tecnolóxicas estrela que atoparán en SIMO o seu escaparate e palestra, destacar a tecnoloxía ePrint ou a sinatura dixital para Blackberry, entre outras moitas cousas.

PUBLICIDADE