Abre as súas portas en Lugo un centro TIC a prol da calidade de vida dos dependentes

mércores, 2 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo presentou esta semana unha serie de iniciativas dirixidas ao fomento laboral entre a cidadanía da provincia. De todo o dado a coñecer, unha das liñas de actividade que máis nos collen de preto é a posta en marcha do Centro de Innovación Social de Galicia, tamén coñecido como In Lugo, un espazo de investigación que se apoia no uso das novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida dos lucenses e dos galegos en xeral, facendo especial fincapé nos colectivos dependentes, na terceira idade e nas persoas con diversidades funcionais. O centro, habilitado no edificio da Fundación TIC, oriéntase a ter utilidade para as empresas do sector, posto que servirá para probar os seus recursos tecnolóxicos entre os futuros usuarios antes de que saian ao mercado, cos conseguintes aforros de custes e melloras na calidade que isto supón.
A iniciativa, promovida pola Deputación e cofinanciada polo Ministerio de Industria (con case o 90% do orzamento) a través do Plan Avanza, tamén servirá para crear e impulsar ferramentas propias, produtos e servizos baseados nas novas tecnoloxías que axuden á inserción social dos ditos colectivos e ao seu desenvolvemento persoal. Segundo apunta a Deputación, en España só están en activo dous centros semellantes, un en Catalunya e outro en Euskadi, pero ningún deles atesoura unha vertente social tan marcada, engade. Coa súa posta en marcha, sinalou a Deputación, o organismo provincial xa inseriu laboralmente a 27 desempregados da provincia, “que conforman o equipo de xente que atende o centro, traballando cóbado con cóbado cos cidadáns”.
O orzamento do CIS é de 1,5 millóns de euros, dos que o Plan Avanza achega 1,3 e o resto da Deputación. Está emprazado no segundo andar da Fundación TIC, nun edificio coñecido como “antiga casa cuna”, un antigo departamento que requiriu importantes traballos de rehabilitación e acondicionamento (non se tocaba dende o peche da casa, en 1981). A posta en marcha da iniciativa coincidiu cunha visita ao obradoiro Lembranza Fotográfica, unha actividade dirixida a favorecer o uso das novas tecnoloxías da información entre os cidadáns de Lugo que máis o precisan, neste caso a través de algo tan familiar e demostrativo como a recuperación e posta en valor das fotos antigas dos participantes, cidadáns maiores de 45 anos que poderán habilitar as imaxes dixitalizadas en cadanseu blog persoal.
Por certo que no mesmo acto de apertura e co fin de botar luz sobre o cometido do CIS, a empresa lucense Colabora Ingenieros amosou o funcionamento dun produto pensado para mellorar a calidade de vida dos anciáns e persoas con mobilidade reducida, como exemplo -precisamente- das iniciativas ás que dará acubillo o centro. O servizo dado a coñecer foi Cuidado myJoice, un recurso encamiñado a favorecer o día a día de empresas de servizos sociais e tamén de usuarios particulares, permitíndolles entre outras cousas ver na pantalla de televisión a imaxe da persoa que chama por teléfono e falar con ela, sen que sexan precisos desprazamentos para este usuario do servizo. “A aplicación dá maior seguridade ás persoas que o usan e ós seus familiares, evita o illamento e mellora a calidade asistencial”, informa a Deputación.

PUBLICIDADE