Abre as súas portas o Campamento Kamikaze de Carballo

luns, 1 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A sexta edición do Carballo Interplay, o festival de webseries e contidos dixitais de Carballo, comeza finalmente a súa semana máis grande. Hoxe, a xeito de inauguración semi-oficial, abre as súas portas (até o mércores) unha das súas vertentes máis intensamente creativas: o Campamento Kamikaze. Trátase dunha actividade de confraternidade e creación colaborativa que ten a súa sede nun senlleiro espazo de encontro, a praia carballesa de Razo (no Raz Surf Camp).
Alí, durante tres días, os participantes enfrontaranse ao desafío de concibir, gravar e postproducir un pequeno vídeo (un Dinosauro) de menos de 10 minutos a partir da premisa argumental da fin definitiva de Internet, unha desaparición da que, para darlle máis intriga ao desafío e estimular o tanto das creadoras e creadores, descoñécense as razóns.
Segundo informa a organización (o selo Interplay Producións capitaneado por Sonia Díaz e máis o Concello de Carballo), o resultado proxectarase o mércores 3, ás 20.30 horas, no auditorio do Pazo de Cultura de Carballo, a xeito de apertura (desta volta oficial) do certame. Logo, o xurado oficial do Carballo Interplay deberá escoller entre estas contribucións e as que envíe o público a obra gañadora do Premio ao Mellor Dinosauro, que vén cunha dotación de 400 euros.
Está previsto que no campamento creativo de Razo participen dúas ducias de persoas, entre actrices e actores, cámaras, guionistas, responsábeis de produtoras, músicos e estudantes, todas e todos compartindo a arela de “asumir o reto de crear e contar historias” e “aprender desfrutando man a man con profesionais do sector”. Na súa experiencia estarán acompañados de directoras e directores como Andrés Goteira (Dhogs), Sandra Sánchez (A nena azul) ou Dani Viqueira (Limbo). Tamén participarán, achegando a súa bagaxe e coñecemento, profesionais do do sector como Lucía Estévez (que traballa en diferentes proxectos nos departamentos de cámara e dirección e que o ano pasado se fixo co premio María Luz Morales a Mellor Videoensaio sobre Audiovisual Galego pola súa peza Muller Personaxe), Suso López (produtor e actor en Dhogs), Natia Juncal (produtora da serie dixital Antes de Perder para Playz de RTVE) ou Daniel García (guionista, coordinador de guión e profesor de narrativa audiovisual).
O certame en si mesmo
A sexta edición do Carballo Interplay ofrecerá esta semana no Pazo de Cultura da vila “unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional”, en palabras da organización, que tamén destaca a súa sección oficial (con webseries de todo o mundo) e o completo programa de actividades que acompaña o certame (con encontros, obradoiros, relatorios e espectáculos nos que aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet). Como vén sendo habitual, todas as actividades do Carballo Interplay son de acceso libre e de balde ata completar aforo, menos a formación e a programación profesional, para as que hai que inscribirse previamente.


PUBLICIDADE