Ábrese a inscrición para a Maker Faire Galicia que terá lugar en outubro

mércores, 20 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Chus Prol adiantou no TEDxGalicia que este ano a Compostela Mini Maker Faire pasará a responder ao nome de Maker Faire Galicia

A pasada fin de semana no marco do TEDxGalicia, Chus Prol, a xestora de Doutroxeito Coworking, deu conta da pasada celebración da Compostela Mini Maker Faire en Área Central, adiantando que este evento de reivindicación da cultura Maker reformularase este ano deixando o ámbito local para dirixir a vista a toda a comunidade galega, de xeito que teremos unha Maker Faire Galicia.
O novo evento vén de abrir a súa inscrición, para que os interesados en realizar obradoiros, espectáculos ou outras actividades Maker poidan manifestar o seu interese nesta cita que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia entre os días 1 e 2 de outubro.
Tras o éxito do anterior encontro Maker é de esperar que estamos ante unha interesante feira da innovación galega que contribuirá a dar visibilidade a un xeito de facer as cousas no que a colaboración, o coñecemento aberto e as inquedanzas por aprender e experimentar con novas tecnoloxías abren unha chea de oportunidades para o emprendemento e a creación, de xeito que tanto poderemos atopar aplicacións artísticas ou artesanais, como iniciativas empresariais, servindo este tipo de eventos para facilitar tamén a creación de sinerxías entre os profesionais que avogan pola cultura Maker.

A Compostela Mini Maker Faire contou con multitude de actividades en ámbitos tan diversos como os drons, a música ou a gastronomía

Vídeo no que se remuse a pasada edición da Compostela Mini Maker Faire

PUBLICIDADE