Ábrese a selección de proxectos emprendedores que impulsará o polo de aceleración dos videoxogos
mércores, 11 de maio do 2022
O
Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para a selección dos proxectos
emprendedores que recibirán o impulso do Polo de aceleración do sector dos
videoxogos, que a Xunta acaba de poñer en marcha ao abeiro do seu Hub
Audovisual da Industria Cultural. A
asociación Videoxogo.gal será a encargada de xestionar as diferentes accións
deste novo programa, de acordo co convenio de colaboración asinado
recentemente coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade por importe
de 360.000 euros.
Tal e como especifica a convocatoria, 290.000 euros
destinaranse especificamente ao desenvolvemento das actividades mediante as que
se lles facilitarán ás empresas e profesionais participantes as ferramentas
necesarias para axilizar a saída ao mercado dos seus produtos, así como a súa
consolidación.
Solicitude até o 13 de xuño
Poden optar a integrarse no polo aquelas novas empresas,
físicas ou xurídicas, con menos de 10 meses de actividade en calquera dos
ámbitos da cadea de valor da industria dos videoxogos e contidos interactivos,
sempre que o seu traballo se desenvolva maioritariamente en Galicia. O prazo de
solicitude comeza mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 13 de xuño.
Unha comisión de valoración, para a que se contará con
profesionais de recoñecido prestixio no sector, será a encargada de seleccionar
os proxectos de acordo cunha serie de criterios de valoración que teñen que ver
tanto coa calidade das propostas (xeración de contidos dixitais, carácter
global, innovación e potencial de crecemento) como co equipo promotor
(currículo, experiencia, carácter multidisciplinar, dedicación, estrutura do
capital humano e porcentaxe de emprego feminino).
Entre as accións de aceleración intensiva descritas nas
bases atópanse consultarías individuais, grupais, obradoiros de innovación e
accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing,
dereitos ou financiamento, entre outros. Disporase para o seu desenvolvemento
coa experiencia e o coñecemento de profesionais de referencia a nivel estatal e
internacional, tanto nesta industria como noutras áreas do emprendemento.
Tamén está prevista a organización de actividades de
innovación, de eventos de presentación de proxectos diante dos principais
operadores do sector e dun programa para a xestión da mobilidade internacional
con presenza nalgúns dos máis destacados mercados a nivel mundial, así como
campañas de difusión e unha consultaría de seguimento.
Próxima convocatoria de axudas ao desenvolvemento
A industria galega dos videoxogos está a ser por primeira
vez obxecto dun paquete integral de medidas para favorecer a súa vertebración e
desenvolvemento, cun investimento de preto dun millón de euros ao abeiro do Hub
Audiovisual da Xunta. Así, ademais do devandito polo de aceleración, este mesmo
mes de maio convocarase un fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos
dotado con 500.000 €. Poderán optar a el tanto propostas de certa envergadura
como outras de carácter menos comercial e, para a súa concesión, valoraranse
criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de
financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural
galego, entre outros aspectos.
Como medida complementaria para favorecer unha maior
estruturación do sector, estase a levar a cabo un mapeo do ámbito dos
videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e
capacidade de xeración de emprego. Este será, ao tempo, o inicio dunha nova vía
de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar
desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que
se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.
Estas tres liñas de traballo conforman o núcleo do apoio a
este sector no marco Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa
extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6
millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo
Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa
Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á
pandemia da COVID-19.