Acentúanse os problemas co control de contidos daniños en YouTube

mércores, 5 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Steven Crowder mantén a súa canle de YouTube pese a lanzar dende a mesma mensaxes racistas e homófobos

Nos últimos meses semellaba que as crises de reputación de empresas tecnolóxicas eran monopolio de Facebook, pero no que vai de xuño a plataforma que está a ser fonte de máis críticas é YouTube, non só por terse desvelado serios problemas no servizo de vídeo, senón tamén pola súa nefasta resposta, xa que ante os escándalos que xorden reaccionan publicando comunicados explicando o seu bo proceder xusto onde está a demostrarse que fracasan.
Temos así que o comunicado sobre os esforzos de Google para protexer aos menores e ás familias en YouTube foi consecuencia da denuncia de que cando certos usuarios consumían contidos pornográficos atopaban logo como o algoritmo de recomendación de YouTube recomendáballes vídeos de, por exemplo, nenas bañándose, o que fóra de contexto sería un contido inocente, pero que ao verse sexualizado por parte dos ollos que o miran convértese en nun problema con grandes repercusións xa que foméntase a pederastia e exponse a menores a un perigo (que tanto podería ser a través de comentarios como transcender ao mundo real).
Pero hoxe mesmo a historia repítese, e agora temos un comunicado no que dende Google aseguran estar a traballar de xeito continuo para facer de YouTube unha comunidade libre de contido daniño eliminando contido que incite ao odio e ao supremacismo. Pero esta declaración de intencións chega despois de anos sen mover un dedo contra o negacionismo do Holocausto ou da glorificación do nazismo, resultando especialmente rechamante que saquen este tema xusto no medio dun escándalo no que queda clara a pasividade de YouTube: ante a denuncia do xornalista Carlos Maza da canle de Steven Crowder na que se lle lanzan numerosos ataques aludindo á súa sexualidade e raza, provocando que reciba ameazas no seu día a día, dende YouTube responderon asegurando que «as opinións poden ser profundamente ofensivas, pero se non violan as nosas normas, manteranse na nosa páxina web» pese a que nas propias normas de YouTube figura claramente que non se tolera o racismo e a homofobia.
Dado que a mala resposta de YouTube fixo máis mal que ben, decidiron penalizar a canle de Crowder expulsándoa do programa de monetización, o que claramente non frea a difusión de discursos de odio e, especialmente, non disuade ao abusón, xa que a súa fonte de financiamento principal non é a publicidade nos seus vídeos, senón un programa de mecenado e unha tenda de mercadotecnia (principalmente camisetas con frases provocativas tipo «o socialismo é para maricallos»), dando a impresión de que YouTube non quere deixar sen o contido polémico aos seus 3,8 millóns de subscritores, pese a que con iso estea a alimentar discursos moi prexudiciais para a sociedade en xeral.
Resulta lamentable ver como YouTube considera que un tipo de contido é ofensivo para os anunciantes pero non para os usuarios, empregando un criterio arbitrario que está claramente en contradición coa postura que aseguran defender.

PUBLICIDADE