Acusan a Facebook de manipular os seus Trending Topics nos EE.UU.

venres, 13 de maio do 2016 Marcus Fernández

Nas últimas horas o fundador de Facebook, Mark Zuckerberg, compartíu unha instantánea coa meirande estrela que teñen en Instagram na oficina máis cativa da compañía.

Medios de comunicación como The Guardian están a dar conta de que Facebook á hora de seleccionar as novas máis relevantes do día está a operar dun xeito moi semellante a medios de comunicación tradicionais, realizando labores de edición que non se limitarían ao uso de algoritmos, senón que terían intervención humana, de xeito que as acusacións de que estarían a boicotear a certos medios de comunicación con liñas políticas conservadores poderían ser certas (de feito, as autoridades estadounidense están a investigar oficialmente o asunto).
Dende The Guardian incluso achegan documentos filtrados nos que demostran que dende Facebook interveñen seriamente a edición das novas para elixir os asuntos que están en tendencia, o que levou a que a compañía de Mark Zuckerberg tivese que saír á palestra cunha declaración na que detallan o funcionamento dos seus Trending Topics, o sistema que teñen para que os eventos de grande impacto mediático estean presentes en Facebook, xa que actualmente as redes sociais son a principal fonte de información de millóns de internautas.
Dende Facebook lembran que os seus Trending Topics botaron a andar en 2014 (e polo momento limítanse só a EE.UU.), como unha sección independente dos taboleiros dos usuarios, funcionando mediante algoritmos, aos que engadiron un pequeno grupo de xente que se dedica a xestionar esta funcionalidade para garantir a súa calidade e utilidade, xa que o funcionamento totalmente automático demostrou ter carencias de xeito que informacións de grande impacto nos EE.UU. non se vía resaltadas, aínda que admiten que para esta labor de edición resulta complicado manter a neutralidade ideolóxica, pero aseguran que Facebook non permite que os editores discriminen a información en función da súa orixe política e, para que non houbese dúbidas ao respecto, incluso fixeron público un documento de 28 páxinas en formato PDF no que figuran as normas que teñen que seguir os editores.
O vicepresidente global de operacións de Facebook, Justin Osofsky, detalla que os Trending Topics funciona primeiro identificando os temas de crecente popularidade en Facebook (ou sexa, os que teñen un volume elevado de mencións en pouco tempo) para o que usan un explorador externos de fontes RSS para identificar os eventos de actualidade para poder conectalos con conversas en Facebook (e incluso fixeron pública a listaxe de fontes RSS empregada). Logo, o equipo de edición confirma que os temas detectados teñen unha relación con novas reais, realizan unha descrición do evento baseándose nos medios de comunicación, etiquetan o evento na súa correspondente categoría e comproban se o evento é de impacto local ou global. Tras esta peneira é cando un algoritmo escolle entre os Trending Topics para amosar os que máis interesan a cada usuario en función da súa localización xeográfica e gustos (por exemplo, se unha persoa segue varias páxinas deportivas será habitual que vexa novas sobre os equipos do seu contorno).
Os Trending Topic tamén permiten buscas, e neste caso a consulta afecta ao total de temas verificados, aínda que a orde na que aparecen os artigos está definido por algoritmos. Nas buscas xerais de Facebook tamén se inclúen os temas en tendencia.
Dende Facebook aseguran que a súa política de edición non permite a eliminación de perspectivas políticas nin a priorización dun punto de vista ideolóxico fronte a outro, engadindo que con regularidade comproban que o equipo de edición cumpre coas normas indicadas (sendo motivo de despedimento a súa infracción).

PUBLICIDADE