Adiantan as especificacións dos que serían os novos Lumia 950, 950 XL e 550

luns, 28 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que non se espera que os novos smartphones de Microsoft vexan a luz pública até a semana que vén, unhas imaxes filtradas (eliminadas a petición de Microsoft, o que reforza a súa credibilidade) do que parece ser unha presentación para empregados de Microsoft desvelarían as características dos novos smartphones da familia Lumia, que serían os primeiros en incorporar de fábrica o sistema operativo Windows 10 adaptado a móbiles, e que responderían ao que se viña rumoreando nos últimos meses.
Confírmase así o que serían un smartphones Lumia 950 e 950 XL, terminais con pantallas de 5,2 e 5,7 polgadas con resolución QuadHD, que funcionarían con procesadores Qualcom Snapdragon 808 e 810 respectivamente e que en ambos caso contarían con cámaras traseiras Pureview de 20 Mpíxeles con estabilización de imaxe e frontais de 5 Mpíxeles, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD) e carga rápida mediante un conector USB-C (as capacidades serían de 3.000 e 3.300 mAh respectivamente) ou sen fíos.
Tamén confirman que ambos terminais farán uso de Windows Hello con recoñecemento de iris para identificar ao usuarios e poderán tirar proveito de Continuum para poder empregar o móbil como se fose un ordenador cando o conectemos a unha pantalla externa (para o que precisan dun accesorio que os rumores apuntan que se incluiría cos smartphones para xustificar o seu previsible elevado prezo inicial).
Pero estas funcionalidades quedarán limitadas aos terminais de gama alta, que non serán os únicos que gozarán de Windows 10, senón que tamén teremos novos terminais asumibles como o Lumia 550, un prometedor smartphone 4G con pantalla de 5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 1 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámaras de 5 e 2 Mpíxeles e batería de 1.905 mAh con carga rápida, o que podería converterse no auténtico super-vendas da familia Lumia, pois é de agardar que sexa un teléfono cun prezo moi axustado e un desempeño moi bo, que podería resultar de grande atractivo para contornos corporativos nos que Windows 10 estea implantado de xeito masivo.

Continuum será o grande reclamo dos Lumia 950 e 950 XL

PUBLICIDADE