Adobe Voice permite facer vídeos de presentación axilmente dende o iPad

xoves, 8 de maio do 2014 Marcus Fernández

Para facilitar a narración de historias de xeito animado Adobe presenta unha aplicación de balde para iPad chamada Adobe Voice, que permite crear unha animación en poucos minutos, para o que simplemente temos que elixir unha serie de imaxes propias ou dun catálogo de máis de 25.000 imaxes e gravar logo a nosa voz por enriba, para que Voice agregue automaticamente movemento e banda sonora, creando un vídeo que poida resultar impactante ou cativador.
Esta ferramenta busca ter un uso sinxelo, rápido e divertido; propón gravar a nosa voz liña a liña; e logo dálle forma de animación, permitíndonos personalizar as fontes, as cores e os movementos para crear uns resultados esteticamente coidados sen precisar para iso de ter grandes coñecementos técnicos. O resultado poderá compartirse en redes sociais e páxinas web, para que se poida ver a través da Internet dende case calquera dispositivo.
Adobe Voice polo momento so esta dispoñible en inglés e busca converterse nunha ferramenta de utilidade para organizacións que queiran difundir a súa mensaxe, emprendedores que queiran dar a coñecer o seu proxecto ou empresas que queiran presentar un novo produto, e que non conten cos recursos para facer complicadas producións videográficas.

A aplicación fai doada a narración audiovisual de historias


Vídeo de presentación de Adobe Voice

PUBLICIDADE