Adobe e Lexcycle buscan definir un estándar de distribución de libros electrónicos

venres, 17 de abril do 2009 Marcus Fernández

Adobe e Lexcycle (empresa detrás da aplicación Stanza, que achega a lectura de e-books ao iPhone) anunciaron que están a colaborar co Internet Archive para converter o sistema de catálogo en liña de Stanza nun estándar aberto no que distribuír libros electrónicos (tanto de balde coma comerciais).
O novo estándar chamaríase Open Publication Distribution System (OPDS), que facilitaría o acceso a portadas e descricións dos libros ou a subscrición a contidos (entre outras moitas prestacións), o que axudaría a construír aplicacións tipo iTunes para libros electrónicos para calquera plataforma (dende lectores de libros electrónicos ata teléfonos móbiles).
O OPDS está en fase de borrador, e o seu desenvolvemento traería moitas vantaxes para usuarios e editores, ao establecerse coma un estándar que serviría para a lectura dos textos en múltiples soportes (ampliando o mercado potencial dos libros electrónicos).

PUBLICIDADE