Adobe estrea un editor de vídeo para iOS

luns, 6 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A aplicación permite mesturar vídeos e fotografías nunha única peza audiovisual

Adobe estreou hoxe unha nova aplicación para iPhone e iPad para facer doada e rápida a creación de vídeos de impresión en mobilidade, xuntando varios clips e engadíndolle toques finais para facer que un vídeo poida verse e escoitarse con calidade, á vez que os proxectos de edición de vídeo se sincronizan entre os nosos distintos dispositivos de xeito automático. Outra das funcionalidades que ofrece esta nova ferramenta, Adobe Premiere Clip, é que os seus proxectos poden trasladarse ao Adobe Premiere Pro CC, de xeito que unha peza que nace en dispositivos móbiles pode trasladarse comodamente ao escritorio a través dos servizos na nube de Adobe.
Adobe Premiere Clip permite arrastrar e soltar vídeos e fotografías na orde que queiramos, recortar as partes que non queiramos empregar, aplicar filtros, transicións e efectos de cámara lenta, axustar os niveis de volume, compensar os niveis de volume da música e dos diálogos, aplicar fundidos de audio... unha magnífica ferramenta que podemos descargar de balde, e que podemos ver como un competidor ao iMovie de Apple, agás que neste caso oriéntase á nube de Adobe en vez de á nube de Apple.

O Adobe Premiere Clip permite editar vídeos baixo iOS apoiándose na nube de Adobe

PUBLICIDADE