Adobe leva a súa tecnoloxía AIR a Android

luns, 15 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Pese ás reticencias dalgúns fabricantes de telefonía móbil en incorporar a tecnoloxía Flash nos seus terminais, dende Adobe están esforzándose para introducila tanto nos navegadores web integrados coma nos propios móbiles a xeito de aplicacións, e así o fixeron constar no Mobile World Congress, onde amosaron a versión móbil de Adobe AIR, plataforma que converte desenvolvementos en Flash en aplicacións, o que facilitaría o seu funcionamento en múltiples dispositivos e sistemas operativos, agardándose unha integración deste tipo de desenvolvementos nas tendas de aplicacións móbiles. Tamén amosaron a última versión de proba do Flash Player 10.1, que pretende achegar o Flash a Android, Blackberry, Symbian OS, Palm webOS e Windows Mobile, de xeito que agardan que a finais de 2012 o número de móbiles con soporte de Flash supere os 250 millóns.
Hai uns meses Adobe xa presentou un empaquetador de proxectos desenvolvidos en Flash para que funcionen como aplicacións nativas para iPhone, e agora Adobe confirma que estes programas poderán reciclarse para móbiles con Android grazas a Adobe AIR 2.0, facilitando que os programadores en Flash poidan explotar comercialmente as súas creacións en múltiples plataformas.


Motorola Droid correndo aplicacións de Adobe AIR 2.0

PUBLICIDADE