Aerocamaras fornece o seu dron híbrido ao programa de Jesús Calleja sobre os lumes

martes, 16 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa galega Aerocamaras, centrada en formación e desenvolvemento de drons, vén de colaborar novamente co xornalista, activista e aventureiro Jesús Calleja para ofrecer (no capítulo deste pasado domingo de Volando Voy, dispoñíbel agora en liña) un achegamento o máis completo posíbel ás marcas da catástrofe forestal acontecida na nosa terra hai exactamente un ano por mor dos lumes sen control. A firma da nosa terra, que xa participou no episodio adicado á Ribeira Sacra, forneceu ao programa da canle Cuatro imaxes aéreas da zona cero dos incendios. Fíxoo coa axuda dos seus drons, que salientan polas súas capacidades e a súa autonomía.
O episodio, que se gravou no mes de xuño, rememora os incendios que afectaron hai un ano a comarca de Val Miñor- Baixo Miño, en Pontevedra, cun programa onde as imaxes aéreas cobran “especial protagonismo”, en palabras de Aerocamaras, que engade que o equipo do programa de Calleja visitou a contorna co obxectivo de coñecer de primeira man os esforzos e a tecnoloxía que desenvolve Aerocámaras na prevención de incendios, xa que realiza en Galicia cursos específicos de emerxencias e seguridade con drons. Neste episodio, ademais, Calleja e a veciñanza da comarca encárgase de plantar un bosque con máis de 1.000 árbores autóctonas en Chandebrito, unha das zonas máis afectadas pola vaga de incendios.
Neste programa, Aerocamaras presentou o seu novo e único dron civil híbrido, o Aerohibrido, un vehículo aéreo non tripulado con máis de 5 horas de autonomía grazas ao seu sistema de seguro e independente de voo. En palabras da empresa galega, con este lanzamento “abrimos un novo abano de posibilidades no mundo dos vehículos aéreos non tripulados e contribuímos á explotación dos mesmos no mundo laboral en diferentes sectores. Nesta ocasión para algo tan importante e humano como son as emerxencias e a seguridade, e por extensión as situacións dos incendios”.

PUBLICIDADE