AGASOL renova a súa xunta directiva

luns, 27 de xullo do 2009 Raquel Noya

AGASOL, a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, vén de facer pública a nova composición da súa xunta directiva, que foi elexida durante a celebración da Asamblea Xeral, o pasado 20 de xullo en Santiago de Compostela.
Logo de que, a finais de febreiro, o anterior presidente de AGASOL, Javier Vázquez, anunciase a súa baixa ao mando desta agrupación, esta renovación facíase “imprescindible” para os membros da entidade, que agora teñen como máximo mandatario ao membro da empresa Tegnix e ben querido polo equipo de redacción de Código Cero, Roberto Brenlla.
Brenlla, recoñecido activista na promoción do software libre alén dos nosos lindes, sucede a Javier Vázquez na presidencia de AGASOL, logo de dous anos de actividade incansable nos que a entidade acadou importantes logros no campo das TIC.
Xunto a Brenlla estarán na vicepresidencia, segundo anuncia AGASOL na súa páxina web, Jorge Vázquez de Redegal; como secretario continúa José Ramón Pena, de Inforede; e como tesoureiro Xaime Garaboa, de Signo. Os catro vogais son David Pardo, de Corunet; José Manuel Monteagudo, de Bora Telecom; Óscar González Represas, de ITG; e Marcos Pita, de Egalcom.
Agora, Brenlla, socio fundador de AGNIX, promotor da distribución GNU/Linux en galego e un dos defensores do software libre máis coñecido en Galicia pola súa fervorosa defensa das aplicacións abertas nas empresas, vai volcar os seus esforzos na continuidade de AGASOL, mirando pola boa progresión da asociación e polo cumprimento de tódolos seus obxectivos.

PUBLICIDADE