Alberto Granados, presidente de Microsoft España, reúne a máis de 100 directivos e directivas en Santiago

venres, 16 de xuño do 2023 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e a Xunta de Galicia celebraron no Hotel Monumento San Francisco de Santiago, este venres 16 de xuño, o encontro Redescubrindo a Intelixencia Artificial, abeirado ao programa Capacita Directivos e coa colaboración do Círculo de Empresarios de Galicia e Nordés Club Empresarial.
O Patio de Cristal do Hotel Monumento San Francisco acolleu a máis dun centenar de directivos de empresas galegas, que tiveron ocasión de escoitar o relatorio de Alberto Granados Camarón, presidente de Microsoft España, que compartiu cos asistentes o uso da Intelixencia Artificial e o seu potencial para revolucionar as empresas, con Microsoft como exemplo.
Ao longo da súa charla, Alberto Granados destacou que “a IA está a converterse nun factor clave para potenciar as capacidades humanas e impulsar a creatividade e a innovación”. O presidente de Microsoft en España incidiu en que “esta nova xeración de IA non só nos axuda a procesar información, senón a razoar sobre ela. É semellante a contar cun copiloto que nos axuda nas nosas tarefas, desde as máis cotiás ás máis complexas, no noso traballo ou nos grandes desafíos aos que temos que enfrontarnos, como o cambio climático ou a investigación científico”.
O obxectivo de Microsoft é, en palabras do seu presidente “democratizar o acceso á IA de xeito que calquera poida beneficiarse desta tecnoloxía”. Neste sentido, Alberto Granados asegurou que este obxectivo “pasa por un compromiso humanista e ético que asegure que a innovación poña á persoa no centro e poña o foco en amplificar as capacidades humanas, non en substituílas”.
Trala intervención de Alberto Granados, o encontro acolleu unha mesa redonda baixo a moderación de Fernando Suárez, presidente do CPEIG; na que participaron os directivos Dora Casal, directora executiva de Roberto Verino; e Agustín Rodríguez, CFO de Gadisa. Os tres relatores explicaron como afrontan o novo reto tecnolóxico desde as súas respectivas entidades, prestando especial atención a cuestións como o metaverso, a Intelixencia Artificial xenerativa e outras tendencias de gran impacto para as empresas.
Os relatores da mesa coincidiron en que a resposta á revolución tecnolóxica é “contar cun equipo innovador, con talento e resiliente, que non lle teña medo ao cambio”; destacando algúns dos últimos proxectos impulsados polos seus equipos.

PUBLICIDADE