Aldaba doa equipos informáticos á poboación ucraína refuxiada en Galicia

martes, 14 de xuño do 2022 S. P.

A empresa coruñesa Aldaba vén de compartir os detalles dunha iniciativa solidario-tecnolóxica co pobo ucraíno, asolado pola guerra perpetrada por Rusia ha xa 111 días. A iniciativa consistiu nunha doazón de equipos informáticos destinados a persoas refuxiadas do país da Europa do Leste en Galicia. En concerto, irán dirixidos a 11 estudantes ucraínos residentes agora na nosa terra, coa finalidade de facilitar as súas clases online. Aldaba, ao abeiro das súas firmes liñas estratéxicas en materia de RSC (Responsabilidade Social Corporativa), entregou formalmente os equipos informáticos á organización AGA-Ucraína.
En palabras da empresa galega, “a guerra en Ucraína cumpriu 111 días e cóntanse por centenares as persoas daquel país que solicitaron protección en Galicia. As súas necesidades son innumerábeis desde as máis básicas, de alimentación e refuxio, até outras que pasan por escolarización, posibilidades de traballo ou medios de comunicación”. É neste punto de coordinar todos os esforzos e cubrir todas as necesidades da poboación onde entra en xogo o labor da Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína).
A doazón de equipos informáticos xurdiu a través dunha proposta dos profesores da Universidade da Coruña, Virginia Mato, directora da Cátedra Aldaba-WIB (Women, ICT & Business), e Miguel González, pensando na necesidade de colaborar coas persoas refuxiadas que actualmente viven en Galicia. “Para elas, contar con computadores e ouros elementos TIC é crucial á hora de comunicarse, tanto con familiares e amizades, como coas propias organizacións de axuda, así como para xestionar trámites administrativos ou posibilitar, como neste caso, a asistencia ás clases online. Pareceunos unha maneira efectiva e práctica de axudar desde Aldaba”, indicou Enrique Fernández, director de Aldaba.

PUBLICIDADE