Alertan da proliferación de novos casos de phishing na Rede

luns, 11 de xullo do 2011 Raquel Noya

A Asociación Xeral de Consumidores ASGECO Confederación, vén de alertar da proliferación de novos correos electrónicos fraudulentos que se fan pasar por bancos para obter datos e claves confidenciais dos usuarios. É o que se coñece como phishing, unha práctica que vai en aumento e que no cuarto trimestre de 2010 afectou a máis da metade dos usuarios de Internet españois, segundo datos achegados polo Instituto Nacional de Tecnoloxías da comunicación (INTECO).
Nas últimas semanas, dende ASGECO deron conta das queixas e denuncias de usuarios que recibiron correos remitidos por un falso banco BBVA (en imaxe adxunta), nos que se lles pedían as claves bancarias para “comprobar a identidade do usuario”. Claves que logo os ciberdelincuentes usan para acceder ás súas contas e sacarlle proveito económico á estafa e de non ter tino, pode saír moi caro cedelas sen máis.
No correo masivo que está a circular agora pola Rede, o remitente faise pasar polo departamento de incidencias do BBVA, que nos informa da “suspensión temporal” da nosa clave para acceder á conta bancaria en liña. Unha vez dentro, o falso responsable de incidencias pídenos o número de tarxeta e o código PIN da mesma, obtendo dese xeito, a entrada libre para usar a nosa conta á esgalla.
Neste senso, ASGECO lembra que os datos bancarios “só deben subministrarse no momento de realizar unha transacción, e que en ningún caso se debe subministrar o número secreto (PIN) dunha tarxeta bancaria”.
ASGECO Confederación, que alerta asemade do perigo de efectuar calquera compra electrónica dende cibercafés, locutorios ou conexións inseguras, vén de habilitar unha conta de correo (consultas@asgeco.org) para atender todo tipo de preguntas ou dúbidas que teñan os usuarios ao respecto.

PUBLICIDADE