Allariz estrela aula de estudo para a mocidade con conexión a Internet

mércores, 19 de maio do 2021 S. P.

O Concello de Allariz. a través da Área de Mocidade, vén de crear un novo espazo municipal de estudo con acceso a Internet. As novas dependencias, que se coñecen como Aula do Saber, xorden co obxectivo de “facilitar á mocidade dende os 14 anos un lugar axeitada para a súa actividade académica”. O espazo conta con acceso á Rede e está localizado nas instalacións da Casa da Mocidade. Conta con mobiliario adaptado ás necesidades das e dos estudantes.
O seu horario de apertura será de luns a sábado de 09:00h ás 14:00h e de 16:00h ás 21:00h.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destaca esta nova iniciativa coma “unha máis no desexo por ofrecer servizos e seguir reforzando a a calidade de vida de Allariz”, ao mesmo tempo que espera que “poida estar en funcionamento moito tempo para cubrir todas as necesidades que xurdan tanto nos alumnos de bacharelato, universidade ou aos propios opositores”.
Amais deste centro de estudos, o Concello habilitou un estudo de gravación para a xente nova, que estará a disposición da xuventude local baixo reserva en radio@allariz.gal ou no telefono 988 680 434.


O concelleiro Iago Santás, convidou a todos aqueles que queiran gravar o seu proxecto, sexan regueifas, rap ou calquera outro estilo, a achegarse á Casa da Mocidade.

PUBLICIDADE