Altia, incluída na lista de Computerworld das mellores empresas TI para traballar

luns, 4 de decembro do 2023 S. P.

Foundry Computerworld seleccionou á empresa galega Altia como un dos mellores lugares para traballar en TI (Tecnoloxías da Información) en 2024, incluíndo á compañía no posto 27 da clasificación das empresas medianas.
Este premio, segundo informou a consultora tecnolóxica de Oleiros (A Coruña), é un recoñecemento ás organizacións mundiais máis top que retan aos seus equipos de TI á vez que lles ofrecen grandes beneficios e compensacións.
Altia tamén fixo saber que a selección das compañías realízase a partir da excelencia que ofrecen e da calidade do lugar de traballo para os profesionais do sector tecnolóxico.
“Este recoñecemento supón un gran impulso e reafírmanos no noso empeño por atraer aos mellores perfís do mundo TI”, dixo Angela Souto, responsábel de xestión de talento en Altia.
"A tecnoloxía está a desempeñar un papel cada vez máis importante nos negocios. Os profesionais de TI seguen beneficiándose desta tendencia, xa que as organizacións gañadoras deste ano aumentan a dotación de persoal e ofrecen unha variedade de vías para mellorar, volver capacitar e diversificar os seus equipos", dixo Rob O’’Regan, director global de estratexia de contido de Foundry. "Estas empresas proporcionan un modelo para os líderes de TI e RRHH que buscan novas formas de atraer, involucrar e fidelizar o talento nunha contorna de TI cada vez máis competitiva" engadiu.
A lista dos mellores lugares para traballar en TI é unha clasificación anual das mellores contornas de traballo para profesionais da tecnoloxía realizado por Computerworld. A lista elabórase a partir dun cuestionario exhaustivo sobre o que ofrece a empresa en categorías como beneficios sociais, desenvolvemento profesional, DEI, futuro do traballo, formación e mantemento no tempo do talento. As clasificacións son revisadas e examinadas por un panel de expertos da industria.

PUBLICIDADE