Altia mellora a experiencia dixital dos usuarios de establecementos hoteleiros

mércores, 30 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Altia, a empresa galega de servizos de consultoría tecnolóxica e desenvolvemento de servizos TIC, vén de materializar unha integración certificada que permite a lectura dos datos de QuoHotel, o referencial software de xestión hoteleira desenvolvido pola firma Quonext Tourism sobre a base do ERP Microsoft Dynamics NAV.
Segundo informa Altia, o traballo da firma galega (un labor levado a cabo en virtude do acordo con Quonext e que pasa por integrar os seus sistemas coa ferramenta QuoHotel) impulsará a transformación dixital dos establecementos hostaleiros e permitiralles ofrecer aos usuarios servizos adicionais que engadan aínda máis valor á experiencia turística.
En termos máis concretos, a iniciativa pon en xogo “un mellor control e unha máis óptima xestión de todas as reservas xeradas directamente desde QuoHotel, con beneficios tales como a integración automática de reservas de tour-operadores, de maneira complementaria á integración doutras canles a través dun channel manager”, salienta Altia, poñendo o foco no feito de que todos os datos das reservas poderán acubillarse en QuoHotel, con independencia da súa orixe. Así, os hoteis lograrán unha automatización de practicamente o 100% da entrada de reservas xeradas por outros sistemas.
QuoHotel, vantaxes e funcionalidades
QuoHotel é un software de xestión hostaleira que incorpora todas as ferramentas que necesita o sector hostaleiro. Así, integra un PMS para a xestión do día a día, un ERP para as finanzas, un CRM para a captación e retención de clientes, e outros recursos como elementos de BI (Business Intelligence), xestión de servizos adicionais, puntos de atención de venda e comercialización. “En plena era dixital”, explica Altia, “a estratexia de transformación do sector hostaleiro fomenta o uso de ferramentas que, como QuoHotel, facilitan aos establecementos optimizar os seus procesos internos, de face a ofrecer aos seus clientes unha mellor experiencia ao longo da súa estancia”. Altia engade que “a posibilidade de apoiar aos clientes de QuoHotel no seu proceso de transformación dixital permítenos axudar a cubrir necesidades básicas como son a optimización de procesos e a dixitalización da documentación”

PUBLICIDADE