Amazon Prime Now sube de prezo

martes, 29 de decembro do 2020 Marcus Fernández

O servizo Prime de Amazon revolucionou o comercio electrónico ao establecer unha cota fixa anual para sufragar os gastos de envío que, en moitas ocasións realízanse en menos de 48 horas, pero en Alicante, Barcelona, Bilbao, Madrid, Málaga, Sevilla e Valencia a oferta vai un paso máis adiante e contan tamén con Prime Now, unha versión potenciada na que os consumidores poden elixir unha franxa de entrega de 2 horas no propio día ou ao día seguinte (cuns horarios que mudan lixeiramente nas distintas cidades), o que fai moi difícil competir con Amazon, especialmente se temos en conta que tamén inclúen produtos de alimentación.
Até o momento este servizo permitía gozar de envíos sen coste para pedidos superiores a 40 euros, aínda que tamén permitía a posibilidade de recibir pedidos que custen a partir de 10 euros por 2,90 euros adicionais, pero a partir do 8 de xaneiro mudan as tarifas, de xeito que o pedido mínimo de Prime Now terá que ser de 15 euros, cunha tarifa de envío de 3,90 euros, que pasaría a ser de balde para pedidos que superen os 50 euros. Deste xeito Prime Now encarece prezos, aínda que continúa a pór as cousas moi complicadas á competencia, que dificilmente pode realizar entregas rápidas asumindo o seu custo, xa que as marxes de beneficio son habitualmente inferiores ao que custan os portes nas condicións ofertadas.

PUBLICIDADE