Ames acolle este venres unha mostra de proxectos Maker a cargo dunha ducia de firmas galegas

venres, 2 de decembro do 2016 Redacción

Ames (A Coruña) é este venres a capital galega da tecnoloxía universal e aberta. É dicir, de todo aquilo que nos pode axudar a converternos, teñamos o coñecementos e a experiencia que teñamos, en creadores propiamente ditos de tecnoloxías, amais de usuarios de divulgadores. Falamos da iniciativa Roteiro Maker, organizada polo Concello (a través da Concellaría de Promoción Económica) para toda a xornada do 2 de decembro, seguindo o espírito das correntes actuais do “faino ti mesmo” e incluíndo cousas como unha mostra de proxectos de innovación na que participan 11 empresas galegas. O Roteiro, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 10:00 a 21:00 horas.
A xornada da mañá, de 10:00 a 14:00 horas, está orientada ás empresas, mentres que pola tarde está dirixida aos nenos/as e ao público en xeral. Ás 10:00h está prevista a apertura da exposición. Unha hora máis tarde, ás 11:00 horas, impartirase a charla Reinventarse coas tecnoloxías do cambio, a cargo de Julio César González, presidente e investigador do Centro Científico Tecnolóxico de Investigación Aplicada Teaxul. As 12:00h haberá outra charla, desta volta a cargo de Eldara Rodríguez Cobo, responsábel de innovación da empresa NanoGap do Milladoiro, quen falará da Nanotecnoloxia na Industria. Unha vez rematadas estas charlas, de 13:00 a 14:00 horas, será a quenda do traballo en rede (o que se coñece como networking).
Pola tarde, ás 16:30h desenvolverase un obradoiro de química, que está dirixido aos rapaces e rapazas de 10 anos en diante, e ás 18:30 horas, haberá outro taller de electrónica, neste caso para nenos e nenas que teñan a partir de 6 anos. Estes obradoiros, que son de balde, serán impartidos pola empresa VermisLab, que recunca con esta sesión participativa logo das charlas impartidas este mércores por dous técnicos da firma nos IES do Milladoiro e de Bertamiráns sobre a cultura Maker e as novas tecnoloxías. Nestas charlas, desenvolvidas perante 200 mozas e mozos, participaron Enrique Saavedra e Javier Vila, este último ex-alumno do IES de Bertamiráns.

Intre dunha das charlas desenvolvidas os días pasados pola firma VermisLab no concello de Ames

A mostra
Na exposición participarán 12 empresas: 7 Varas, que ofrecerán bicicletas ecolóxicas de bambú feitas a man; Alicornio, empresa que ofrece servizos audiovisuais e procesado de datos técnicos en diversos formatos mediante o uso de plataformas voantes non tripuladas (drons); Arcade Pi, que achegará máquinas de videoxogos feitas con Raspberry Pi, Escornabot, proxecto educativo que busca iniciar aos cativos no campo da robótica e a programación mediante a creación manual dun robot, e Factoría de Androides, que amosará as súas esculturas de robots “con aire retro” e feitos con materiais de refugallo.
Por outra banda, a empresa Irmáns Vidal, dará a coñecer o traballo que realiza para a creación de esculturas interactivas con efecto 3D manual. Tamén participan as empresas Makergal, compañía de deseño e distribución de impresoras 3D feitas en Galicia; Mateo Mena, inventor de The Hypercubes (sintetizadores analóxicos para facer música e electrónica de maneira manual e sen fíos); Nacho Porto, que se centra na innovación tecnolóxica aplicada á cerámica; a Sociedade Xuvenil Galega de Química, espazo de traballo de divulgación e valorización da investigación galega no eido da Química; e UVigoMotorsport, primeiro equipo de Formula Student de Galicia e que ten como obxectivo deseñar un monopraza apto para competir na presente tempada.
Por outra banda, a Casa Escola Obradoiro Ana Rosa, emprazada nas Punxeiras Altas (parroquia de Ortoño), presentará novos patróns e innovadores puntos para o ámbito do encaixe e o bordado.

PUBLICIDADE