Ames acolleu o quinto encontro de coordinación da rede de centros de coworking da Deputación da Coruña

venres, 20 de outubro do 2023 S. P.


O espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro (Ames), acolleu a quinta edición do Encontro de Coordinación da Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña. A apertura institucional estivo presidida polo alcalde de Ames, Blas García, a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, e a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz. Durante o encontro realizouse a presentación do Ames AV Lab e unha visita guiada polo espazo A Proa, o centro local de coworking situado en Milladoiro. Realizouse unha mesa redonda na que se expuxo a situación de cada un dos espazos de traballo por parte dos responsábeis da súa xestión. Tamén houbo unha presentación de novidades, espazo para o debate, aclaración de dúbidas e propostas en común.
Blas García destacou no acto “o forte compromiso que ten o Concello de Ames coa formación e coa inserción laboral, tal e como demostra cos numerosos programas de formación que leva a cabo en solitario e en colaboración con distintas administracións e na elevada taxa de inserción laboral”. Tamén agradeceu á Deputación da Coruña a á deputada a súa presenza na Proa, “un espazo que pretende consolidarse como unha referencia na aceleración de proxectos audiovisuais, un potente sector en Galicia no que Ames ten moito que dicir”.
A continuación a deputada Emprego, Rosa Ana García López, destacou “o gran número de proxectos existentes, cos que na Deputación da Coruña estamos plenamente implicados, pois levamos traballando moitos anos neste sentido”. García López explicou que con estes centros de traballo, “a Deputación persegue obxectivos como reter o talento da nosa xente nova e fixar poboación no rural, creando novas oportunidades laborais para elas e eles”.
Segundo engadiu, nestes espazos de traballo colaborativo, a xente pode compartir experiencias, xerar sinerxías e axudarse a solucionar problemas. Esta rede leva activa 5 anos e conta con 11 centros, cada un especializado nun sector estratéxico, sendo o audiovisual o caso da Proa, engadiu.
Posteriormente, a técnica municipal de inserción laboral, María Lloves, fixo unha presentación sobre o Ames AV LAB que se está en fase de licitación. O Concello de Ames, co apoio da Deputación da Coruña, está a poñer en marcha o proxecto Ames AV LAB, que se concibe como “un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais, que busca impulsar a produción, o fomento do talento emerxente e a dinamización do importante tecido produtivo da provincia”.
A deputada, Rosa Ana García, destacou a aposta da Deputación polo sector audiovisual, con proxectos como o maior plató virtual de España que estará emprazado na Cidade das TiC da Coruña e interesouse polo Ames AV-LAB, un laboratorio que pretende apuntalar o polo de talento do audiovisual galego, “contribuíndo a definir a seguinte xeración de líderes do sector español con vocación internacional e innovadora”.
Por outra banda, realizouse unha visita guiada polo espazo colaborativo A Proa, que conta con 36 postos, dos cales na actualidade hai 18 ocupados con 12 proxectos diferentes sobre mercadotecnia dixital, produción audiovisual, educación, arquitectura, economía circular, comercio internacional, medio ambiente, etc. As empresas instaladas na actualidade son 12: Impulsa Dixital, Indígena Films, Palabra Xeneradora, Marxe e Territorios Latentes, Aquelando SL, Angel Marcelino Costa, Hub of English, Serea Film, Temporit, Leiloio Internacional, Eco-Huella, Andrea Ferreti Moncau.

PUBLICIDADE