Ames pon a disposición da mocidade un Scape Room Online

xoves, 10 de decembro do 2020 Redacción

A Concellería de Mocidade de Ames organizou un Scape Room Virtual para os días 18 e 19 de decembro, unha nova actividade abeirada ao programa Trouleando. O venres 18, a sesión está dirixida á mocidade de entre 12 e 16 anos, mentres que o sábado 19 é para mozos/a que teñan a partir dos 17 anos. O prazo de inscrición estará aberto ata o mércores 16 de decembro.
As persoas interesadas deberán anotarse enviado un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal.
Trátanse dun conxunto de xogos en directo onde os rapaces e rapazas participantes conectaranse por streaming aos diferentes desafíos propostos a través dunha ligazón privada de Youtube. Durante as sesións, o game master iralles propoñendo diferentes enigmas.
A actividade, organizada pola Concellería de Mocidade, realizarase o venres 18 de decembro, de 19.00 a 20.30 horas, cunha sesión dirixida a mozos de 12 a 16 anos. Conexión Entrante é o título do xogo no que un hacker establecerá conexión cos PC dos participantes para propoñer unha serie de probas nun tempo limitado.
O sábado, 19 de decembro, os mozos e mozas que teñan a partir dos 17 anos poderán desfrutar da segunda sesión do Scape Room. Nesta ocasión, de 19.00 a 20.30 horas, baixo o nome Isto non é un xogo, retarase aos usuarios e usuarias a intentar conseguir ver enteiro un vídeo proxectado.
Os participantes poderán xogar individualmente ou separados en grupos de amigos/as, sempre e cando estean conectados entre eles. En equipo ou en solitario deberán dar coa resposta ou clave do enigma proposto e terán que ser os mais rápidos en introducila no sistema. Cada proba estará cronometrada e, ao finalizar o tempo, gañarán puntos dependendo do rápidos que foran.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, destaca que “as actividades virtuais de Conexión Entrante e de Isto non é un xogo estarán cheas de probas, pero tamén de charlas e vaciles cos participantes entre as probas. Son xogos moi interactivos cun game master moi sarcástico”.


PUBLICIDADE