Amigus móstranos nun obradoiro como fabricar sensores de CO2 anti-COVID

martes, 1 de febreiro do 2022 S. P.

A Asociación Amigus, centrada en divulgar, dende As Pontes, as posibilidades que se abren coas tecnoloxías abertas e argalleiras, organiza este mes de febreiro unha nova sesión dos Amigus Labs en colaboración coa Xunta de Galicia (AMTEGA). Trátase do Obradoiro Sensores CO2 Maker para combater a pandemia de COVID-19. Será o 12 de febreiro no local de Amigus nas Pontes (no 14 da praza do Hospital). Poderán participar argalleiras e argalleiros de todas as idades.
“Neste obradoiro”, informa Amigus, “abordaremos o proxecto de deseño e creación de aparellos de fabricación propia para medir a concentración de CO2 e avaliar o nivel de ventilación dun espazo concerto”. A finalidade é “axudar a determinar o risco de contaxio en caso de compartir o espazo con persoas infectadas, xa que unha ventilación suficiente reduce de forma dramática o risco (menos do 1%)”.
Na actividade formativa está previsto traballar diversos aspectos do deseño e creación deste tipo de trebellos, dende unha pequena parte teórica e técnica até o uso real dos propios sensores empregando Arduino/ESP-8266. Na sesión abordarase tamén e valor da autofabricación fronte a produtos comerciais.
O obxectivo do obradoiro é permitir que as persoas participantes “adquiran coñecementos e bagaxe suficientes para poder abordar despois a creación de cadanseus aparellos e saber como empregalos”. O traballo farase por grupos, xa que de entrada cóntase con poucos sensores, e os prototipos resultantes quedarán na propia asociación para “o seu emprego e maior seguridade”.

PUBLICIDADE