Amigus remata marzo cun obradoiro de robótica argalleira con Arduino

venres, 18 de marzo do 2022 S. P.

A Asociación Amigus vai entrar na primavera pola porta grande: cun novo obradoiro do programa Amibus Labs, desta volta centrado nas posibilidades que abre o hardware e software libre Arduino para converternos, dende idades temperás, en expertos en robótica. A cita será o próximo 27 de marzo no local de Amigus na praza do Hospital 14 (As Pontes) en horario de 10.30 a 13.30 horas. Segundo informa a asociación, é unha actividade patrocinada pola Xunta de Galicia que busca fomentar o espírito maker e argalleiro entre a rapazada.
En concreto, o obxectivo do obradoiro é “fomentar o interese e o achegamento dos nenos de maneira lúdica ao mundo da robótica e a programación, descubrindo a linguaxe en bloque, as matemáticas, a ciencia e a tecnoloxía, e facelo de forma divertida e colaborativa”.
O robot co que se vai traballar está baseado en hardware libre e software libre. Segundo explican dende Amigus acerca do material que servirá de materia prima para que as e os participantes se metan en faena, “o mBot é un robot baseado en tecnoloxía Arduino que se pode programar con mBlock, unha contorna gráfica de programación que combina Scratch e Arduino”. Deste xeito, engade a asociación, “o alumnado poderá experimentar e comprobar de primeira man como programar este tipo de robots”.
Amais, para que os asistentes entendan o funcionamento do robot, o obradoiro inclúe unha serie de prácticas nas que se mostrarán os conceptos básicos da programación, mostrando como crear un robot versátil con capacidade para facer tarefas como seguir liñas ou evitar colisións.
A idade recomendada do obradoiro é de 8 a 12 anos
O obradoiro é gratuíto, as inscricións formalizaranse por orde de rexistro, temos toda a información (e a inscrición) na web de Amigus.

PUBLICIDADE