Amosadas en Vigo as claves para asegurar o espallamento do fogar dixital na nosa terra

venres, 1 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O modelo de cidade tal e como o coñecemos e das súas diferentes unidades (barrios, fogares) diríxese por forza cara a unha serie de cambios que lles afectan radicalmente, cambios que veñen dados por unhas ferramentas, as novas tecnoloxías, que tamén son (precisamente) materia prima e contido. Sabemos que os cambios van favorecer a comunicación entre uns e outros, entre nós e as administracións, que van evitar desprazamentos e a permitir o traballo a distancia, pero aínda queda moito por avaliar e debater. Esta é a gran finalidade do evento que se celebra hoxe en Vigo, as Xornadas Telcom Galicia 2012, que se celebran baixo o epígrafe Xestionando o presente para gañar o futuro e nas que participa, entre outros representantes do eido TIC, Mar Pereira, directora de AMTEGA.
Os encontros, que se desenvolven no Centro Social Novacaixagalicia de Vigo, veñen da man de AGEINTE (Asociación Galega de Empresarios Instaladores de Telecomunicacións) e FENITEL (Federación de Instaladores de Telecomunicacións) e contan co apoio de Hispasat, Retegal ou Televés (patrocinadores). Entre os relatores convidados, como dixemos, atópase Mar Pereira, que foi a encargada, xunto con Alberto Rodríguez Raposo (director xeral da SETSI) de abrir a xeira de actividades, ás 9.00 horas. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia aproveitou a ocasión e o fío temático das xornadas para lembrar que a Xunta “traballa arestora para tirarlles o máximo partido ás oportunidades das novas tecnoloxías nos ámbitos social, económico e empresarial, liña estratéxica na que se insire, entre outras cousas, o trámite parlamentario da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, actualmente en marcha”. Con esta Lei, sinalou, perséguese blindar as telecomunicacións como un servizo público máis para todos os galegos creando así unha base robusta para o desenvolvemento de novos e innovadores servizos dixitais como o fogar dixital. A directora da Axencia tamén achegou o seu punto de vista particular sobre os beneficios do fogar dixital. Ao seu xuízo, este tipo de vivenda é a vivenda do século XXI e a través dela cóbrense as necesidades da cidadanía en materia de seguridade, comodidade, aforro enerxético ou accesibilidade. A devandita norma, engadiu ao fío disto, diríxese precisamente a conseguir que se inclúan as infraestruturas de soporte precisas para o pulo do fogar dixital en vivendas de nova construción, “reducindo o custo que suporá implantalos unha vez concluído o edificio”.
Mar Pereira puntualizou que “o fogar dixital é unha panca importante para o aumento da calidade de vida da cidadanía e o achegamento dos servizos públicos ao fogar, e tamén un motor claro para a dinamización e o desenvolvemento do sector tecnolóxico de Galicia”.

PUBLICIDADE